Comeza a reparación e mantemento da senda urbana do río Gafos

62

A Concellaría de Parques e Xardíns iniciou esta semana a execución do proxecto de reparación e mantemento do parque urbano dos Gafos logo de rematar o período invernal que resultou especialmente malo para esta senda. Serán numerosas as actuacións que se realizarán dende o arranque na estación de autobuses até Campolongo, durante un mes e medio, aproximadamente, e por un valor preto dos 50.000 euros.
As constantes arridadas do inverno e da primavera, as chuvias copiosas e os fortes ventos tiveron unha incidencia moi importante no paseo e na canal do río, aínda que os técnicos municipais, logo de supervisar detidamente toda a senda, concluíron que nesta ocasión o parque do Gafos resultou menos danado que en anos anteriores. Segundo as súas conclusións, debeuse ás actuacións que se fixeron en anos pasados, especialmente pola achega dun solo cementado que permitiu que a senda resistise mellor as arriadas que noutros invernos.
Durante mes e medio faranse diversas actuacións. Na baixada ao río dende a estación de autobuses, está previsto a instalación dun sistema de canaletas con rexas que permitirán a recollida das augas pluviais que afectan considerablemente a esta parte da senda. O desnivel da senda e a forza das augas pluviais nesta zona fan que se creen fochas que dificultan o paseo. Esta intervención tratará de evitar esta situación.
Tamén se actuará en todas as pasarelas do parque. Eliminaranse algúns desperfectos da ponte que conecta a senda coa traseira da avenida da Estación, e actuarase en toda a pasarela baixo a ponte da avenida de Vigo e nas escaleiras que baixan dende a praza de Ponte Bolera. Eliminarase o verdello creado pola acción da auga e a humidade deste inverno tan chuvioso, e acondicionarase para que recupere as condicións óptimas de seguridade.
Traballarase en toda a contorna da canal do río reforzando as actuacións que se realizaron hai dous anos. Continuarase coa instalación dunha malla vexetal orgánica para conter a terra na ribeira do río. Nestas zonas farase unha plantación propia da ribeira do Gafos con exemplares arbustivos de pequeno tamaño.
Farase unha revisión de todo o mobiliario urbano do parque coa retirada daqueles elementos que estean en mal estado, a restauración dos que aínda sexan aproveitables e a colocación de novo mobiliario cando sexa preciso. Bancos e papeleiras están especialmente danados polas arriadas.
No tocante á xardinería, está prevista a poda, destoconado e, en moi poucos casos, a corta de exemplares que poidan resultar perigosos para as persoas ou que dificulten a mobilidade no parque. As talas serán moi escasas dado que o departamento xa realizou este traballo durante o inverno a medida que as árbores ían caendo cos temporais, ou retirando aqueles exemplares que estaban máis perigosos. Esta actuación irá acompañada da roza das distintas zonas verdes do parque e de plantacións cando sexa necesario.
Con esta actuación, a Concellaría de Parques e Xardíns que xestiona Anxos Riveiro pretende deixar a senda do Gafos en perfectas condicións de disfrute para os meses de verán. Noutros anos, esta actuación tense realizado no inicio da primavera, pero as chuvias deste ano non permitiron iniciar os traballos até a consolidación do bo tempo.