Deportes asina as subvencións que permitirán aos clubs organizar 13 eventos deportivos durante este ano

56

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, asinou hoxe as resolucións polas que se conceden as subvencións nominativas a seis clubs e unha federación pola organización de eventos deportivos ao longo desta anualidade. O importe total das achegas é de 60.000 euros.
Agustín Fernández destacou que cos tempos que corren, o seu departamento está facendo un importante esforzo por tratar de manter todas as axudas aos clubs, aos que animou a seguir loitando por manter a súa actividade.
O deporte, engadiu, é unha referencia de Pontevedra e o esforzo económico que fai o Concello, xunto co esforzo persoal que fan as persoas que manteñen os clubs a flote, tradúcese en importantes éxitos para a cidade. Na súa opinión, cómpre manter a mesma liña política e estar preparados mesmo para incrementar o apoio ao deporte, especialmente á base, en canto a situación económica mellore.
O Club Baloncesto Arxil obtén 7.500 euros pola organización do XII Día do Baloncesto 3×3 na Rúa e o XX Torneo Cidade de Pontevedra; o Club Natación Galaico, 10.500 euros polo VIII Trofeo Promesas do Lérez, o Campus a Nadar Todos e as 12 horas de Natación; o Club Taekuondo Mace Sport, 7.000 euros, polo XVI Campionato Internacional de Taekuondo Cidade de Pontevedra; a Escudería Cidade de Pontevedra, 8.500 euros pola XV Subida Cidade de Pontevedra; a Escola de Fútbol Portero 2000, 8.000 euros polo XV Torneo Internacional de Fútbol 7 benxamín Cidade de Pontevedra; a Federación Galega de Piragüismo, 8.000 euros pola organización de catro campionatos galegos: de Inverno en K1 e C1, de Inverno en K2 e C2, de Pista infantil e de Pista xunior e cadete; finalmente, a Sociedad Gimnástica de Pontevedra, 10.500 euros polo XVIII Medio Maratón Cidade de Pontevedra.