O III Congreso de Fútbol traerá 200 persoas a Pontevedra durante catro días

64

Pontevedra acollerá entre o 13 e 16 de xuño a terceira edición do Congreso Internacional de Fútbol, un evento que traerá á cidade a preto de 200 persoas, e deixará un retorno económico estimado nuns 100.000 euros.
O congreso foi presentado hoxe pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Carlota Román, e o director técnico do certame, Alberto Argibay. A Concellería presta por primeira vez o seu apoio.
Román destacou que o Congreso de Fútbol encaixa perfectamente dentro do Plan Estratéxico do seu departamento para impulsar a celebración de feiras e congresos en Pontevedra e, ademais, referencia á cidade no sector deportivo, traendo á cidade a destacadas figuras.
Así, a Concellería aproveitará esta plataforma para colocar un stand de Visit Pontevedra no propio vestíbulo do Centro Sociocultural de NovaGalicia Banco para atender directamente aos congresistas. Ofrecerá visitas guiadas, un paseo en barco pola ría e obsequiará aos participantes cunha bolsa-regalo. Compartirá espazo no vestíbulo coa Escola Universitaria do Real Madrid.
O Congreso Internacional de Fútbol, que organiza la empresa GT Sport, combina a presenza de profesionais deste deporte, dende adestradores de primeira división ata responsables de canteiras, pasando por médicos ou directivos. Agárdase a participación de varios profesionais de Venezuela e Brasil, así como de directivos da Asociación de Futbolistas Españoles (AFE).
Alberto Argibay destacou que este congreso, que foi pioneiro en España hai tres anos, naceu co espírito de fortalecer a imaxe da cidade. Moitos dos congresistas repiten ano ao ao, porque atopan en Pontevedra un contexto social que lles permite gozar da experiencia. Un aspecto que queda reforzado coa programación adicional que pon a disposición a Concellería de Turismo.
Está estruturado en 21 ponencias entre as que destacan a dos adestradores do Osasuna, Mendilíbar, e Granada, Lucas Alcaraz. Agárdase tamén a presenza, agás problemas de última hora, de Philippe Montanier (Real Sociedad), Francesco Guidolin (Udinese), Joao Paulo Medina (Universidade do Futebol de Sao Paulo) e José Peseiro (S.C.D. Braga). Estarán médicos prestixiosos como Francisco Biosca (Chelsea) e Alexandro Fomer (Brasil sub20). Haberá directivos como Richard Low (Arsenal) e exfutbolistas como Pablo Alfaro (actual adestrador do Leganés) ou o axente Fifa, Rafa Rodríguez (Rafita).