O Open Cidade do Lérez, o torneo dedicado ao taekwondo de base, chega á súa segunda edición superando os 500 participantes

65

Máis de 500 deportistas participan este sábado, 1 de xuño, no trofeo Open Cidade do Lérez de Taekwondo, a gran festa da base deste deporte en Pontevedra. O evento foi presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente do club Taekanart, José Antonio Ríos.
O torneo celebrarase no Pabillón Municipal dos Deportes coa presenza de 16 clubs de chegados toda Galicia e mesmo de España. O acceso é gratuíto. Está confirmada a presenza do Natural Sport, de Sada; Patiño, de Moaña; Kiap, de Cangas; Taekanart, de Monte Porreiro;  Mace-Sport, de Pontevedra; CEIP Coirón Dena; Hebe, de Moaña; Escolas deportivas de Poio; Selección Asturiana de Exhibición; Mat´s, de Marín; Garrapucho, de A Coruña; Taekwondo Zamora; Couto, de Ourense; Luar, de Vilalba; Xunqueira, de Pontevedra; Suh Sport, de Boiro; Tao, de Vigo; Kido, de Sanxenxo; Olimpia, de Barcelona e Yidam, de Vigo.
O Open naceu o ano pasado como estratexia para apoiar aos rapaces que comezan neste deporte e como contrapunto ao torneo internacional Cidade de Pontevedra, centrado na competición entre os deportistas de élite. Agustín Fernández destacou que despois do éxito da primeira edición, na que o Centro Galego de Tecnificación Deportiva quedouse pequeno para acoller ao público, decidiuse pasalo ao Pabillón.
As exhibicións infantís, cadete e adultos desenvolveranse en horario de mañá, entre as 10.00 e as 14.00 horas. O combate infantil e alevín, xa pola tarde, entre as 16.00 e as 20.00 horas.
Participan 544 deportistas que se reparten entre as modalidades de exhibición e combate. Hai 397 competidores de exhibición, que forman equipos de 9 participantes e outros 147 competidores de combate, repartidos entre categoría alevín (estes deportistas non poden golpear á cabeza debido a súa curta idade) e infantil.
O taekwondo está a crecer moito en Pontevedra, tanto no eido deportivo-competitivo, como de practicantes afeccionados. O nivel subiu de tal xeito que xa é unha constante que os deportistas pontevedreses destaquen nos campionatos de Europa e mesmo Mundiais, lembrou o concelleiro de Deportes.
O Open Cidade do Lérez naceu, precisamente, como un intento de acurtar a crecente distancia entre a base e os deportistas de élite. O evento está especialmente pensado para os taekwondistas máis novos, como unha oportunidade para madurar e gañar autocontrol e confianza para a posta en escena real, diante do rival.
Inclúe tamén a modalidade de exhibición para dar cabida ao taekwondo escolar, no que os rapaces teñen a oportunidade de demostrar todo o que aprenderon ao longo do curso.