A Concellería de Deportes felicita a Abel Casal e Rocío Baquero, campións galegos de Bailes Latinos Youth

68

Queremos ser campións de España. Con esta rotundidade responderon os integrantes da parella de baile Abel Casal e Rocío Baquero diante da pregunta do concelleiro de Deportes sobre as súas aspiracións inmediatas.
O dúo vén de proclamarse campión galego de Bailes Latinos na categoría Youth (menores de 16 anos) despois dunha dura competencia nas probas celebradas en Santiago hai poucos días e con participación dunhas 150 parellas de toda Galicia.
Os bailaríns, que estudan Primeiro de Bacharelato e Cuarto da ESO respectivamente, explicaron a Agustín Fernández que en xuño participan no Campionato de España en Barcelona. Quédalles este ano e o seguinte na súa categoría de idade, antes de pasar a adultos.
Levan bailando xuntos catro anos e practican tres horas diarias durante cinco días á semana. Estes días están a traballar arreo para afinar a súa preparación para Barcelona.
Ata o de agora téñense proclamado campións en todos os torneos e campionatos galegos nos que tomaron parte.
A modalidade de Bailes Latinos está composta por Samba, Chachachá, Rumba, Pasodobre e Jive.