Antón Louro expresa ao comité de ENCE o rexeitamento ao ERE e a aposta polo traslado da factoría

47

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, recibiu hoxe ao comité de empresa de ENCE atendendo así á petición presentada polos representantes dos traballadores na factoría. Na xuntanza estivo acompañado do deputado en Cortes, Guillermo Meijón, e da secretaria de Medio Ambiente da Executiva Local do PSdeG-PSOE, Maricarmen Casalderrey.
Louro expresou ao comité todo o apoio en canto á negociación laboral existente despois de que a empresa teña presentado un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) inxustificado co que pretende reducir o cadro de persoal en todos os centros de traballo.
En canto ao futuro da planta industrial de Pontevedra reiterou que os socialistas entenden que só cabe o traslado, dentro dun proceso de diálogo no que as distintas Administracións públicas téñense que “mollar a tope”. Lembrou que ata hai ben pouco todas as forzas políticas galegas, de todas as “cores”, coincidían na mesma postura, polo que agora non hai razóns para cambiar. O complexo, insistiu Louro, debe situarse noutro sitio.
Guillermo Meijón destacou que o PSdeG-PSOE apoia aos traballadores de Ence, exactamente igual que ao resto dos traballadores galegos e españois vítimas da Reforma Laboral, un cambio legal que permite a ENCE, e ao resto das empresas, afrontar despidos en condicións moi vantaxosas simplemente alegando que gañan menos cartos que o ano anterior.