Comezan os traballos de seguranza viaria e accesibilidade na avenida de Vigo

54

O Concello de Pontevedra trasladou esta mañá os traballos de mellora da seguranza viaria e da accesibilidade á avenida de Vigo, tal e como estaba previsto logo de rematar as obras na rúa Eduardo Pondal.  As melloras comezaron no ámbito da rúa Luís Seoane, onde está previsto actuar na beirarrúa dos números impares para eliminar as barreiras arquitectónicas e mellora a mobilidade peonil.
Os concelleiros Luís Bará e Carmen Fouces mantiveron unha reunión hai escasos días cos veciños da zona para presentarlles o proxecto e o calendario de obras. Os traballos consisten na creación ou reforma de beirarrúas e pasos de peóns que mellorarán a mobilidade peonil no último tramo da avenida de Vigo.
O proxecto contempla actuar na beirarrúa (fronte ao supermercado Froiz) antes da rotonda da avenida de Vigo, para resolver afundimentos do pavimento. Tamén se reconstruirá a beirarrúa entre os números 53 e 57 da rúa, dado que hai unha diferencia de ancho neste punto, e o firme atópase en mal estado.
Tamén é necesario mellorar o paso de peóns entre os números 61 e 68, e crear un novo paso de peóns ao final da rúa, fronte aos números 90 e 92 dado que é preciso permeabilizar a mobilidade peonil á esa altura dado que non existía ningún paso até o final da avenida.
O proxecto completarase coa colocación da sinalización horizontal e vertical precisa en toda a avenida, e complementaria das actuacións que agora se van realizar.
O concelleiro Luís Bará dacordo cos veciños priorizaron estes traballos para mellorar a seguranza viaria, a accesibilidade e a mobilidade peonil no último tramo da avenida de Vigo, sendo conscientes de que a avenida necesita unha actuación en profundidade, de reforma urbana, pero que non se acometerá até despois da construcción do desdobramento, cuxos primeiros traballos poderán iniciarse este ano.