Viaxe de coñecemento do patrimonio histórico do Baixo Miño

63

A Concellaría de Patrimonio Histórico organiza unha nova viaxe de coñecemento o vindeiro sábado 15 de xuño e consistirá na visita a diferentes enclaves patrimoniais do Baixo Miño: catedral e centro histórico de Tui, fortaleza de San Lourenzo en Goián (Tomiño), muiños do Folón (O Rosal), castro de Santa Tegra (A Guarda).
A inscrición na viaxe deberá facerse por medio do correo electrónico patrimoniocultural@pontevedra.eu desde o luns 3 ao martes 11 de xuño. O número máximo de prazas é de 50, determinado pola capacidade do autobús.
As viaxes de coñecemento son unha iniciativa da Concellaría de Patrimonio Histórico que ten como finalidade coñecer conxuntos patrimoniais e experiencias de recuperación e posta en valor destes elementos, co obxectivo de aproveitalas no traballo do Concello e das entidades sociais de Pontevedra.
Ao longo do 2012 e primeiro trimestre de 2013, organizáronse as seguintes viaxes de coñecemento: Val Miñor, Viana do Castelo, Allariz e Terra de Montes.
A actividade do día 15 de xuño desenvolverase dacordo co seguinte programa:
• 9.30 h. Saída en bus desde Pontevedra (zona de parada de bus da rúa Alameda).
• 10.30 h. Parada en Tui.
• 12 a 14 h. Percorrido polo Forte de San Lourenzo en Goián (Tomiño) e arredores.
• 14.30 h. Xantar nun restaurante da zona. Prezo aprox. 18 euros.
• 17 h. Visita aos muiños do Folón e Picón  (O Rosal).
• 19 h. A Guarda. Visita a Camposancos e Castro Santa Tegra
• 21 h. Volta a Pontevedra