Campus de verán no Centro Deportivo Rías do Sur

77

Pasar un verán practicando natación, waterpolo, squash, exercitando a psicomotrocidade, todo tipo de xogos, coidando do medio ambiente, aprendendo inglés de xeito divertido, participando en obradoiros de manualidades e, introducíndose ao body combat é posible.
O Centro Deportivo Rías do Sur, a instalación da piscina de Ponte Muíños, ofrece un Campus de Verán aberto a todos os rapaces de 5 a 12 anos. A oferta foi presentada hoxe polo concelleiro de Educación, Agustín Fernández; o presidente do Club Galaico, Miguel Cano e o xerente da empresa Supera, Julio Pita.
A oferta está aberta en quendas quincenais durante os meses de xullo e agosto, con horario de 9.30 a 13.30 horas. Hai servizo especial para madrugadores, co obxecto de axudar ás familias con dificultades derivadas do horario laboral dos proxenitores.
A inscrición está aberta ata o próximo día 14 deste mes de xuño e os prezos varían, a partir dos 60 euros, en función da duración e os servizos adicionais.
O campus estrutúrase en dous grupos de idade (de 5 a 8 anos e de 9 a 12 anos) e adapta as actividades a idade dos participantes. Para participar só se precisa roupa e calzado deportivo, toalla, bañador, gorro de baño, chanclas e roupa para cambiarse.
Para máis información hai que dirixirse á Recepción do centro de Ponte Muíños ou consultar na rede: www.centrosupera.com e www.facebook.com/SuperaRiasDoSur.