Bo ritmo na mellora da parcela a carón da igrexa de Tomeza

73

O acondicionamento da parcela municipal situada ao carón da igrexa de Tomeza vai a moi bo ritmo, de feito esta primeira fase de actuación poderá estar rematada nuns días, se o tempo acompaña. Así o comprobou esta mañá o concelleiro delegado da parroquia, Demetrio Gómez que visitou os traballos en compañía de veciños do lugar que se amosaron satisfeitos co desenvolvemento da obra.
Cabe lembrar que este acondicionamento é unha demanda dos veciños de Tomeza, tratada nos Consellos parroquiais, que servirá para ampliar o espazo de esparcemento e lecer dos veciños neste lugar central da parroquia, onde se desenvolven grande parte das actividades.
Os traballos teñen un custe de 50.000 euros e estanse a facer por fases debido ás necesidades da obra. Inicialmente está prevista a limpeza e explanación de toda a parcela, onde tamén se actuará na demolición dunha das vivendas situadas nela (á máis moderna).
Esta primeira fase dos traballos rematará coa explanación e achega de xabre a toda a parcela. Será necesario deixar a parcela durante uns meses nesta situación para que acompactación do xabre sexa a adecuada.
A continuación está prevista a urbanización da parcela coa acometida da rede de augas pluviais, asfaltado, e outras actuacións para deixala en perfecto estado de uso e disfrute dos veciños, nesta zona principal da parroquia.
Una das prioridades do Concello neste mandato é o acondicionamento dos espazos nos lugares centrais das parroquia, aqueles que soen ser de reunión e encontro dos veciños, como pode ser este caso na parroquia de Tomeza.