Pontevedra inclúe no seu calendario atlético un 10.000 Nocturno, a “Carreira 5+5 PonteNoite”

41

O Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP), unha iniciativa da Concellería de Deportes, chega este próximo sábado, día 15, á súa terceira cita coa celebración dun 10.000 urbano, en horario nocturno, que leva por nome “Carreira 5+5 PonteNoite”.
A proba foi presentada hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, acompañado da directiva da Sociedad Gimnástica: o seu presidente, Senén Touza; o directivo Juan Romero e o responsable técnico, Pablo Díaz.
Case 200 persoas están inscritas no Circuíto, unha cifra máis que aceptable para esta primeira edición e que Fernández agarda incrementar nas próximas, destacou. En canto á inscrición no 10.000 xa vai por preto de 300 persoas e agárdase un importante tirón durante a semana entrante, ata o peche, ás 23.59 horas do próximo mércores. Juan Romero mesmo apuntou, con optimismo, que agarda chegar ao milleiro de participantes.
Agustín Fernández destacou que o Circuíto naceu porque era necesario investir no deporte popular, apoiar aos organizadores de carreiras populares (que dada a crise económica poderían atravesar dificultades) e, finalmente, organizar probas novas como a de Monte Porreiro e este 10.000 nocturno.
A carreira está estruturada en torno a dous circuítos consecutivos de 5.000 metros, co epicentro da praza de España (punto de saída e chegada). Deste xeito é posible inscribirse para as dúas distancias, unha decisión que se adoptou pensando en incentivar a participación feminina e das persoas cunha forma física máis modesta. Non obstante, só puntuarán para as clasificacións do CCCP os participantes no 10.000.
As inscricións (para deportistas que non estean xa inscritos no CCCP) teñen un custo de 5 euros no 5.000 e de 10 euros no 10.000. Os parados, gratis.
A carreira sairá ás 21.30 horas. Unha hora antes comezarán as distintas probas para os rapaces.
En canto ao circuíto, Pablo Díaz subliñou que é moi plano, coa única costa da rúa de Arcebispo Malvar. O percorrido pódese comprobar na páxina de Facebook do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra.
Senén Touza destacou que Pontevedra merecía unha carreira de 10 Km, como xa teñen todas as cidades galegas, e aplaudiu a elección dun horario nocturno. Coincidiu Juan Romero en que era indispensable ofertar esta distancia dentro do CCCP.
Todas as persoas interesadas en coñecer directamente o perfil do circuíto urbano están invitadas a unha “quedada” o próximo xoves, día 13, ás 20.00 horas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Os participantes desprazaranse ata o punto de saída na praza de España e de aí partirán ás 20.30 horas.