Podas en altura dos eucaliptos de grande porte do paseo central do Miradoiro

47

O Departamento de Parques e Xardíns realizou durante esta semana traballos de limpeza e poda dos eucaliptos do paseo central do Miradoiro de Monte Porreiro. Son traballos incluídos dentro dun plan moito máis amplo que abarcou –e está a abarcar- a outros arboretos e parques da cidade para solucionar as pegadas dun inverno longo e difícil como o deste ano, que ocasionou caídas de árbores, ramas rachadas polo vento, especies descalzadas…
No Miradoiro de Monte Porreiro fíxose unha limpeza e poda dos eucaliptos de grande porte do paseo central que presentaban pólas a piques de caer, outras rachadas… Para estes traballos foi necesario unha poda en altura polo sistema de trepa, ao igual que se fixo anteriormente no arboreto de eucaliptos da Illa das Esculturas.
Estes traballos obedecen á necesidade de refozar a seguridade neste espazo de encontro veciñal e de visita continúa polos pontevedreses. Resulta habitual que se produzan rachados de ramas, roturas de árbores e outro tipo de situacións perigosas nos eucaliptais polas características propias da especie. Dende o Departamento de Parques e Xardíns faise un seguimento permanente aos eucaliptais do centro urbano (especialmente o Miradoiro e a Illa) para coñecer o seu estado e facer un constante tratamento para evitar danos aos viandantes.
Dende o Departamento estase a estudar a posibilidade de sinalar estes arboretos explicando ao paseante o perigo de caída de pólas en momentos de fortes ventos, como no caso do inverno.