Comezan tres novos itinerarios de formación e inserción laboral do programa ILES

68

O próximo luns, día 17, comeza o prazo de presentación de solicitudes para tres novos itinerarios formativos da Iniciativa Local de Emprego Social (ILES), o maior programa de formación e inserción laboral do Concello de Pontevedra. As persoas interesadas teñen ata o próximo mércores, día 26, para entregar a documentación necesaria.
Ofértanse 45 prazas nos itinerarios temáticos de “Atención de comedores escolares”, “Técnico/a en Psicomotricidade” e “Limpador/a de inmobles”, cun máximo de 15 en cada un deles.
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, destaca o esforzo que está a facer o Concello de Pontevedra por manter operativo un programa formativo tan ambicioso. Ata o momento, lévanse celebrados sete itinerarios, cun resultado total de 35 persoas que atoparon traballo relacionado coa formación. O índice de inserción está no 35%.
Os dous primeiros itinerarios están compostos por 365 horas que se distribúen en 200 horas de formación teórica, 15 de formación complementaria e 150 horas de prácticas. O de “Limpador/a de inmobles” reduce a duración a 335 horas.
Para seren admitidos á realización das probas selectivas os/as aspirantes deberán ser maiores de 18 anos, figurar como demandantes de emprego e ter capacidade funcional para o desempeño das tarefas habituais da ocupación. Valorarase a experiencia. Finalmente, para o itinerario de Limpador/a será necesario pertencer a colectivos en risco de  exclusión social.
As datas previstas para a realización dos itinerarios son entre o 15 de xullo e o 30 de outubro próximos.
As solicitudes deben presentarse na sede do proxecto ILES  (Avenida das Camelias 3, Urbanización Pontemuíños – Lourizán). Os interesados deben entregar fotocopia do DNI, Certificado de empadroamento, Tarxeta de demandante de Emprego, Certificado de antigüidade na demanda de Emprego, Vida laboral actualizada, Certificado de minusvalía (se é o caso), Informe acreditativo de pertenza a colectivos con especiais dificultades (se é o caso) e Currículum con fotografía recente.
Para máis información pode chamarse ao teléfono 986841606, enviar un correo ao enderezo administracion@proxectoiles.es ou na web www.proxectoiles.es.