Un total de 17 empresas compiten por realizar as obras de urbanización integral da rúa de Santa Clara

66

As obras da rúa de Santa Clara están máis preto. O prazo de presentación de ofertas entre as empresas interesadas concluíu coa concorrencia de 17 construtoras. Culmina así a primeira fase do proceso de adxudicación duns traballos valorados en 702.909,80 euros que, xunto coa avenida de Lugo, foron impulsados a principios de ano pola Concellería de Urbanismo.
As empresas Proyecta, Eulogio Viñal, Orega, Arias, Crespo-Casas, Oresa, Covsa, Naturgalia, CPA-Alvac, Aquagest, Transportes y Cantería Antonio, Ramírez, Eiriña, Copcisa, Hordescon, Antalsis e Elsamex aspiran a executar esta mellora urbana.
O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, anticipa que a Mesa de Contratación reunirase a semana próxima para abrir a documentación administrativa e, posteriormente, estudará a documentación técnica e a proposta económica. Despois de superados cada un destes pasos cos correspondentes informes municipais, a adxudicación poderá producirse nun prazo aproximado dun mes.
Louro confía en que as obras podan comezar durante o verán e cumprir así unha vella promesa realizada aos veciños da rúa, que padecen serios problemas tanto pola mala calidade dos servizos soterrados, como polas deficientes condicións en superficie. O tenente de alcalde lembra tamén que o proxecto foi moi ben recibido polos veciños e comerciantes.
A obra ten un prazo estimado de 13 meses, aínda que podería reducirse en función das ofertas das empresas.
O deseño abrangue unha área de moi preto de 3.000 metros cadrados ao longo dos 265 metros de lonxitude total da rúa.
O principal cambio será a ampliación das beirarrúas, que pasarán a ter anchos de entre 1,80 e 2,50 metros. Actualmente hai tramos que apenas superan un metro e incumpren os estándares mínimos de accesibilidade. Estarán rematadas en lousa gris de gran formato. O carril de tráfico rodado terá un ancho de 3,30 metros e executarase en formigón semipulido. Toda a plataforma quedará configurada ao mesmo nivel, con bolardos nos puntos en que sexa necesario. Resérvanse un total de 10 prazas de aparcamento en dúas bolsas con cinco prazas a cada extremo da rúa. Ambas situaranse ao lado dereito (ao revés que agora) para coincidir co sentido da marcha. Actualmente, a rúa conta con 18 prazas.
Fronte ao convento de Santa Clara recuperarase o atrio tradicional cunha superficie pétrea duns 800 metros cadrados. A propia configuración do terreo, cunha altura de 0,8 metros na cota máis elevada, servirá para perfilar esta “praza”. Un pretil de pedra separará lonxitudinalmente o futuro atrio do carril de circulación.
A igrexa conventual e os dous tramos de muralla existentes (situados preto do Estadio da Xuventude e do aparcamento do centro comercial) serán iluminados de acordo cos criterios do Plan Director de Iluminación do Centro Histórico.
Na praza de José Martí, o proxecto introduce cambios profundos coa intención de concederlle maior relevancia arquitectónica. A idea principal é abrila ao máximo, salvando as diferencias de cota coa rúa.
Finalmente, instalarase un parque infantil, que se situará entre a praza de José Martí e a entrada ao aparcamento soterrado, preto dunha zona verde bastante descoidada ao longo do muro do convento.