A Xunta retira a subvención anual aos voluntarios de Protección Civil de Pontevedra

79

A Xunta de Galicia acaba de deixar fóra da convocatoria das subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil a do Concello de Pontevedra. O Diario Oficial de Galicia publicaba a convocatoria da Vicepresidencia e Concellaría de Presidencia só para concellos menores de 50.000 habitantes, polo que na provincia quedan fóra Pontevedra e Vigo.
Dende a Concellaría de Protección Cidadá, que xestiona Carme da Silva, lémbrase que na última convocatoria, –a de 2012-, a agrupación de Pontevedra percibiu 3.248,18 euros. Trátase dunha contía anecdótica nos máis de 50.000 euros que destina o Concello de Pontevedra para o funcionamento corrente anual de Protección Civil, pero suficientemente relevante para amosar o respaldo e recoñecemento público do Goberno autonómico a un labor totalmente altruísta deste voluntariado, cun papel fundamental na organización de eventos e de colaboración nas emerxencias da sociedade dentro e fora do concello de Pontevedra. Pouco máis de 3.000 euros que servían para cubrir o gasto corrente dos voluntarios desta agrupación no concello.
O Concello de Pontevedra critica as prácticas da Xunta de Galicia á hora de administrar á miseria e critica, especialmente, á actitude do conselleiro pontevedrés, Rueda Valenzuela ao aforrar pouco máis de 6.000 euros entre as cidades de Pontevedra e Vigo.