O Concello pon en valor a riqueza arqueolóxica e etnográfica do Val de Tomeza e Salcedo

59

O proxecto de Valorización do espazo etnográfico e arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo é a estrela dos proxectos de actuación previstos pola Concellaría de Patrimonio Histórico, que xestiona Luís Bará, a través do Plan do patrimonio do rural, protagonista político no actual mandato.

Segundo explicou esta mañá o concelleiro Luís Bará, non se trata de pór en valor un roteiro, senón que se trata dun espazo por descubrir  cun conxunto de bens cun elevado valor ecolóxico, etnográfico, histórico e arqueolóxico. 

O proxecto conta cun orzamento de 166.743 euros, que unha parte pretenden ser financiados a través dunha axuda económica dos fondos europeos Leader. Segundo a previsión do concelleiro Luís Bará este proxecto desenvolverase en catro fases. A primeira executarase este mesmo ano e consiste na actuación no entorno dos muíños do Batán (zona III) dado que ten un elevado interese paisaxístico, polo que está previsto o acondicionamento dunha senda fluvial e unha restauración ambiental. Esta primeira actuación ten un custe de 58.368 euros.

A segunda actuación (correspondente coa zona IV) é a escavación do Castro das Croas. Unha actuación valorada en 28.140 euros e prevista para o ano que vén. Antes de iniciar estas obras, a Comunidade de montes iniciará unha corta e roza do terreo. A previsión da Concellaría é concertar visitas escolares a este espazo.

A terceira fase, valorada en 36.844 euros está relacionada coas novas tecnoloxías que se reflexará na creación de audioguías. E a cuarta fase, cun orzamento de 43.390 euros, consistirá na colocación de indicacións informativas en todos os puntos de interese do proxecto.

A Concellaría de Patrimonio Histórico traballa neste proxecto en colaboración coa comunidade veciñal de Salcedo, a quen agradeceu publicamente todo o apoio e axuda para sacar adiante este proxecto, Agradecemento que fixo extensivo ao colectivo Vaipolorío.