O PontevedRAID completa unha fin de semana con seis grandes eventos deportivos

70

Pontevedra acolle este sábado a cuarta edición do PontevedRAID, un dos eventos deportivos máis singulares do ano e que, ademais, supón a segunda proba puntuable para a Liga Galega de Raids de Aventura.
A proba foi presentada hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente do Club de Montañeiros de Pontevedra A Roelo, Manuel Beloso. O traballo do club foi eloxiado polo concelleiro, e mesmo “culpouno” de seguir referenciando á nosa cidade dentro deste segmento deportivo.
O Raid terá catro seccións de diferente duración e disciplinas deportivas: Orientación, Carreira, BTT, Kaiak e unha proba especial de tiro con pistola de aire, todo elo organizado ao redor dunha única zona de transición no Pontillón do Castro. Os participantes completarán un percorrido total de 84 Km con case 2,3 Km de desnivel positivo acumulado. Estímase unha duración de 8,30 horas para completalo, cun tempo máximo de 9 horas para o peche de control.
Beloso subliñou que trátase dun raid de estratexia. Co gallo de potenciar o lado aventureiro, deseñouse un itinerario que dá máis importancia ás eleccións dos equipos, aínda que a esixencia física segue a ser moi importante. Haberá que acertar á hora de tomar decisións en canto ás balizas a rexeitar tendo en conta as puntuacións de cada unha, sempre co obxectivo final de cumprir os tempos de corte. Completar o raid, explicou, estará ao alcance de poucos equipos.
Para máis información, consultar o sitio www.verdeazul.es/blog.
Pola súa parte, o concelleiro de Deportes destacou a espectacular fin de semana deportiva que vai vivir Pontevedra con entre 3.000 e 4.000 deportistas e congresistas na cidade participando en seis grandes eventos. Ata o punto de que é case imposible atopar unha praza de aloxamento.
Fernández destacou que a Concellería está detrás de todas estas iniciativas, agás a terceira edición do Congreso de Fútbol Cidade de Pontevedra, que apoia a Concellería de Turismo dentro de ese espírito de colaboración no que sempre traballan estes dous departamentos municipais.
Así, durante esta fin de semana Pontevedra é sede do PontevedRAID o Congreso de Fútbol, o Campionato de España Infantil de Natación Sincronizada, o Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de Fútbol 7, o Campionato Galego Infantil de Waterpolo e a Carreira Nocturna PonteNoite.