O Circuíto de Carreiras Populares duplicou a participación en cada unha das tres probas celebradas

43

O Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP) está a madurar nesta primeira edición e acadando xa obxectivos que se agardaban para as próximas edicións.
O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, subliña que despois da celebración de só tres das seis probas do CCCP constátase unha tendencia sistemática a duplicar as cifras de participación carreira a carreira. Os datos son moi satisfactorios globalmente e máis aínda se se pon o foco no deporte feminino.
A carreira de San Brais (febreiro) rexistrou un total de 283 corredores; en Monte Porreiro (abril), subiuse ata os 383 e, finalmente, no PonteNoite 5+5 do pasado sábado, chegouse ata os 633 participantes.
Filtrando os datos de participación feminina obsérvase que en San Brais correron 23 mulleres; en Monte Porreiro, 45; e no PonteNoite, subiuse ata as 104 féminas.
O CCCP inclúe aínda as carreiras do Santiaguiño do Burgo (xullo), Campañó (setembro) e o Medio Maratón de Pontevedra (outubro), polo que hai marxe para seguir crecendo. Non obstante, o perfil das dúas últimas probas, xa moi consolidadas no calendario atlético pontevedrés pola traxectoria de anos anteriores, non as fai comparables.
A Concellería de Deportes está especialmente satisfeita nos resultados que se están a acadar na promoción do deporte feminino, obxectivo central deste departamento. Lembra Fernández que en Monte Porreiro introduciuse experimentalmente a modalidade da clasificación por parellas e que no PonteNoite (unha carreira concibida inicialmente como un 10.000 clásico) decidiuse desdobrar o circuíto para ofertar a posibilidade de correr 5 Km. A medida foi un acerto, posto que das 104 mulleres participantes, un total de 37 optaron pola distancia curta.
O CCCP, unha iniciativa orientada á promoción do deporte popular, pechou a súa inscrición con motivo da recente PonteNoite 5+5 cun total de 218 participantes a un prezo promocional de 25 euros para todo o calendario. A partir de agora, só será posible facer inscricións para cada unha das tres probas que restan.