O quinto número do xornal O Cartafol do Lérez volve desbordar talento e gusto pola escrita creativa

61

Os colexios de Pontevedra comezaron a recibir os 2.000 exemplares do quinto número do Cartafol do Lérez, o xornal escolar que plasma os traballos de animación á escrita creativa e que editan a Concellería de Educación e editorial Kalandraka no marco dun ambicioso programa pedagóxico.
Desta volta participaron 515 nenos/as de quinto e sexto curso de Primaria dos colexios Vilaverde, Marcón, Froébel, Marcos da Portela, Álvarez Limeses, A Carballeira, San Bieito de Lérez, Cabanas e Santo André de Xeve. Durante varios meses traballaron arreo nas bibliotecas ata producir un bo feixe de historias repletas de imaxinación e mesmo senllas entrevistas coa escritora chilena María Ferrada, aproveitando a súa estadía en Pontevedra, e o tirador olímpico pontevedrés (medalla de prata nos últimos Xogos Paralímpicos de Londres), Juan Saavedra.
O concelleiro de Educación, Agustín Fernández, explica que o número, único deste curso, chega en formato dobre de 16 páxinas, polo que está ben cargado de contidos moi diversos.
A portada ábrese cunha homenaxe a Rosalía, con motivo do 150 aniversario da publicación dos Cantares Gallegos. Partiron para elo das copas do Cancionero musical de Galicia, de Casto Sampedro, con resultados moi belidos: Así, o coñecido Pasei pola túa porta,/pedín auga e non ma deches,/ en pasando pola miña/ farei como ti fixeches foi reinterpretado por unha alumna do San Bieito de Lérez como Cando ti me pidas algo/ eu deixareite na rúa,/ ti a min non me axudaches/ e non vas saír coa túa.
Nas páxinas 2 e 3 os aprendices de escritores elaboraron novas moi fantasiosas a partir das narracións do libro O Rei Oso Branco e outros contos marabillosos.
María Ferrada, autora O baile diminuto e Un mundo raro, animou aos rapaces a descubrir os universos pequenos que nos arrodean. Do traballo conxunto coa autora chilena saíron pezas como Alegría no xardín, escrita por un rapaz de Sexto do colexio Marcos da Portela: Chega a primavera ao xardín, poema verde de luz./A xoaniña xoga ás damas cos lunares das súas ás, viste a paisaxe de alegría vermella./ O grilo pequeno pon música de vento no aire./ A araña desfila entre plantas e flores co seu traxe de gala.
A Gran Viaxe do señor M., o libro de Gilles Tibo e Luc Melanson que recrea o percorrido interior dun pai que perde a un fillo inspirou ao alumnado do colexio de Cabanas a recrear distintos episodios da súa vida.
O Cartafol inclúe tamén a súa clásica sección de Cociña Creativa, entre elas o Sorbete de Ceros dunha alumna de quinto do colexio Vilaverde: Para facer este prato debemos coller todos os ceros dos cadernos, libros e demais lugares onde aparezan. Hai que ter coidado porque se colles ceros que sexan máis grandes de cinco centímetros, derreteranse moi pronto. Os ceros máis saborosos son os que están sacados das operacións ben feitas, e os máis resecos son os dos exames. Unha vez conseguidos os ceros tes que saír fóra e agardara que caia sarabia. Cando a teñas, mestúraa cos ceros, pero bota só os máis fríos. Servir nunha calculadora onde o resultado da operación sexa cero. Por certo, este prato é para dúas persoas.
A sección de cómic de Tito Longueirón, apoiada cos correspondentes relatos, dá paso á contraportada que protagoniza Juan Saavedra, sometido a un exhaustivo interrogatorio sobre a súa traxectoria como tirador olímpico. A entrevista remata cun diálogo realmente curioso: –Propúxose ir a Brasil 2016?/ -Si. E ti?/ -Non./ -Pois proponte Madrid 2020.
Agustín Fernández destaca que o Cartafol do Lérez volverá o próximo curso. O programa, un dos eixes do apoio pedagóxico da Concellería de Educación aos colexios, inclúe tamén a doazón a cada centro participante dun lote de 20 libros para o reforzo da súa biblioteca. Os títulos intégranse na temática dos traballos que elaboran os escolares durante a campaña.