Alumnos do Sánchez Cantón, de viaxe convidados polos gañadores do Club de Debate

61

O IES Sánchez Cantón, terceiro clasificado na fase galega do Club de Debate, foi convidado polos gañadores ex aequo, o CPPI Os Dices de Rois e o IES Saturnino Montojo de Ferrol a compartir o premio final.  
Este premio, unha viaxe de tres días a Taramundi (26, 27 e 28 de xuño), ten como obxectivo poñer en valor o patrimonio etnográfico, natural, cultural e lingüístico desta zona galegofalante estremeira con Galiza. O programa abrangue, entre outras, as seguintes visitas e actividades:
• Visita a Fornos da Pontenova (Lugo)
• Actividade no obradoiro artesanal do coiteleiro Antonio Díaz, en Vega de Llan
• Roteiro a pé que inclúe as visitas ós complexos etnográficos dos Esquíos, a Mazonovo e Os Teixois
• Visita ao Castro, Taramundi
• Actividade nunha queixería e visita ao Museo da Coitelería 
• Visita á praia das Catedrais (Lugo)
• Visita a Castro de Viladonga, en Castro de Rei (Lugo)   
A fase nacional do Club de Debate realízase coa colaboración dos servizos de normalización lingüística dos concellos de Carballo, Cee, Ames, Rois, Santiago de Compostela, Teo, Ferrol, Ourense e Pontevedra. A fase local de Pontevedra está organizada pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra en colaboración cos ENDL dos centros de ensino secundario. En ambas as dúas fases a actividade busca dinamizar do uso da lingua galega na mocidade mediante o traballo da fluidez comunicativa e o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade e mais ofrecéndolles espazos de uso informal, no que poidan relacionarse en galego. 
Na final da fase galega, celebrada o sábado 4 de maio no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela), enfrontáronse os 5 equipos que foron os gañadores das diferentes fases comarcais: o CPI Plurilingüe dos Dices-Rois ( Santiago de Compostela), o IES Saturnino Montojo (Ferrol), o CPR María Auxiliadora. Salesianos (Ourense), o IES Parga Pondal (Bergantiños) e o IES Castelao (Vigo).