A Concellería de Turismo trae a Pontevedra a sete dos blogueiros gastronómicos máis coñecidos de España

53

#pontevedragastronomica é o hashtag que aglutinará todos os comentarios sobre un blogtrip organizado pola Concellería de Turismo e que se desenvolverá entre hoxe venres e o próximo domingo con epicentro na cidade e a súa gastronomía.
A concelleira Carlota Román realiza así unha nova aposta polas novas tecnoloxías como fórmula para referenciar á Capital das Rías Baixas na Rede, contando para elo co apoio da Denominación de Orixe Rías Baixas, a naviera Nabia, hotel Rías Baixas, Room “lounge-bar”, panadería Acuña e cociñas Bioka.
Román entende que Pontevedra caracterízase por unha oferta gastronómica de primeiro nivel e conta cunha instalación de gran impacto para o visitante como o Mercado de Abastos, onde se pode adquirir produto fresco de gran calidade. Finalmente, é a sede da Denominación de Orixe Rías Baixas, emblema do viño albariño, o caldo galego máis coñecido no mundo. Un potencial, en suma, que cómpre aproveitar.
O departamento turístico municipal optou, así, por organizar un evento co algúns dos blogueiros máis relevantes no sector da gastronomía. Os participantes son: Carmen Albo (Guisandome la vida), prescriptora de opinión e colaboradora de medios de comunicación; Mónica Castelao (Galicious Gourmet) experta en turismo e gastronomía; Alberto Ribas (Mais Grelos), blogueiro e viaxeiro; Rubén Amorín (Ni mata ni engorda), blogueiro e divulgador dos produtos galegos; Alfonso López (Recetas de rechupete), líder dos blogs gastrónomicos de España; Erika Silva (Marketing Gastrónomico), blogueira especialista en novas tendencias en márketing e innovación para restaurantes; e, finalmente, Víctor Blanco (O bandullo), o máis recoñecido vídeo-blogueiro galego deste sector.
O programa do blogtrip abarca toda a fin de semana. Comeza hoxe coa chegada dos especialistas. Ás 17 horas realizarán unha visita ao Centro Histórico, partindo dende a Casa da Luz acompañados por Carlota Román. Deseguido, unha cata de viños no Pazo de Mugartegui. Mañá, sábado, chega a xornada central coa visita ao Mercado de Abastos e a participación, cara o mediodía, nun Showcooking que se celebrará no primeiro andar. A continuación, trasladaranse ata a illa de Ons, para cear nun restaurante pontevedrés e participar nun obradoiro de cócteles. Finalmente, o domingo haberá un obradoiro de empanadas no forno de Acuña e fin da viaxe despois da comida.
Carlota Román destaca que os blogueiros que chegan esta tarde a Pontevedra acumulan en torno a 300.000 seguidores, o que dá unha idea da repercusión que pode acadar esta iniciativa a través dos propios blogues, sen contar co apreciable reforzo dos comentarios que se colguen en Twitter.