Comeza Ponteverán 2013!

50

A Concellaría de Xuventude que dirixe Demetrio Gómez inicia este luns, 1 de xullo, a programación de Ponteverán na que se oferta unha ampla variedade de actividades de tempo libre para a mocidade durante os meses de xullo e agosto.
O luns ás 09.00 horas sae do Pavillón Municipal dos Deportes o autobús cos 46 nenos e nenas do campamento de tempo libre "Mouriscade" que viaxarán até o municipio de Lalín para participar nesta actividade de 10 días de duración con pernoctación. Trátase dun campamento de tempo libre que pretende dar a coñecer os costumes, o folclore e oficios artesanais de Galicia.
O mesmo día, no colexio Álvarez Limeses, ás 10.00 horas dará comezo o primeiro dos obradoiros gratuítos de tempo libre para 30 nenas e nenos de 8 a 12 anos. Nesta primeira semana o obradoiro leva por título "Coñece a túa cidade" baseado en xogos e obradoiros que o que buscan é precisamente un coñecemento profundo dos nenos e nenas sobre a  súa cidade.
Nesta semana tamén dá inicio o curso de informática "Procesador de textos", que se desenvolverá durante o mes de xullo, os luns e mércores, na Casa Azul e en horario de 11.30 a 13.00 horas. Neste curso participarán 18 mozos e mozas de idades comprendidas entre os 14 e 30 anos. Esta é outra das actividades gratuítas do programa Ponteverán 2013.
As inscricións para os obradoiros gratuítos de nenos e nenas de 8 a 12 anos xa está pechada, e neles participarán un total de 135 persoas. O resto das actividades aínda están en periodo de inscrición:  cursos de Clown, Xeoloxía, Informática, Escalada, Orientación, Piragüismo e iniciación á Agricultura ecolóxica.
Tamén quedan aínda prazas dispoñibles para a excursión ao skatepark de Oleiros o día 6 de xullo, as rutas de kaiak de mar polas rías e para participar no torneo de fútbol Ponteverán-CAFyD.
A maioría das actividades son gratuítas, agás o torneo de fútbol (30 euros de inscrición por equipo), as rutas de kaiak de mar (10 euros, 8 euros con carné xove e 4 euros no caso de familia numerosa) e o curso de escalada (20 euros, 16 euros con carné xove e 10 euros familia numerosa).
A programación pódese consultar na web www.ponteveran.info ou chamando á Oficina de Xuventude ao 986 840367 situada na Casa Azul, rúa Sor Lucía, 2, 3º andar en horario de mañá de 9 a 14h.