Quince familias coidarán da Horta urbana de Monte Porreiro até a primavera

67

O Concello de Pontevedra pón a disposición das familias de alumnos dos centros de Infantil e Primaria Fina Casalderrey e Marcos da Portela a horta urbana de Monte Porreiro. Son 15 familias que se encargarán das 21 parcelas nas que está subdividida a horta (as sobrantes repartiranse entre os participantes), que solicitaron participar nesta actividade.
Como é habitual, a horta urbana de Monte Porreiro foi cultivada polos alumnos do barrio durante a primavera (dende abril) e agora serán os seus familiares quenes se encarguen de mantela até una nova edición da horta, unha actividade formativa para os escolares co obxecto de introducilos nas tarefas agrícolas, coñecer as técnicas de cultivo da agricultura ecolóxica.
Ademais o programa pretende contribuír á estética do parque do Miradoiro e favorecer a interrelación veciñal no barrio.
Como é sabido, a horta urbana de Monte Porreiro comprende dúas fases:
• Plantación realizada por escolares dos centros de ensino participantes durante a primavera. Vai acompañada de pequenas explicacións sobre o impacto ambiental dos agroquímicos, e as vantaxes ecolóxicas, económicas e para a saúde da agricultura ecolóxica, baseada en abonados orgánicos, asociacións de cultivos, acolchados, manexo de pragas, etc.
• Cesión das parcelas aos veciños para o seu mantemento e explotación. Esta cesión é de carácter temporal (do presente xuño a abril de 2014), mantendo en todo momento o Concello a propiedade de toda a horta, e reservándose o dereito de revocar a concesión dalgunha parcela no caso de abandono evidente da mesma ou incumprimento das normas do programa. Entre os criterios favorecedores para a selección dos usuarios das parcelas inclúese ter familiares nos centros de ensino do barrio e factores socioeconómicos.
Con esta cesión, os usuarios teñen dereito a utilizar a parcela para o cultivo de hortalizas e plantas aromáticas para autoconsumo; facer uso dos utensilios e recursos da instalación (ferramentas e arcón, compost, rego…); recibir formación e documentación básica en agricultura ecolóxica e ter asesoramento ante dúbidas ou incidencias.
Pero tamén teñen obrigas: coidar da(s) parcela(s), evitando situacións de abandono e respectando as demais parcelas e cultivos; facer un uso axeitado dos materiais e recursos da horta; eEmpregar técnicas de cultivo ecolóxico, evitando todo tipo de agroquímicos (fertilizantes e pesticidas) de síntese.
Esta tarde, ás 19.00 horas, na mesma horta urbana do Miradoiro de Monte Porreiro farase entrega das parcelas aos veciños nun acto ao que asistirá o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiro delegado do barrio de Monte Porreiro, Luís Bará e tamén a concelleira de Medio Ambiente, Anxos Riveiro.