Antón Louro anuncia o comezo dun paquete de 9 obras urbanas valoradas en 3,1 millón de euros

65

O tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo e Obras Urbanas, Antón Louro, anunciou hoxe a realización dun Plan de Obras Urbanas que abrangue nove actuacións valoradas en 3.110.638 euros e que suporán a transformación, con criterios de calidade, dunha superficie de 25.000 metros cadrados en diferentes áreas da cidade.
As dúas principais actuacións corresponden á rúa de Santa Clara e avenida de Lugo, xa en fase de licitación, ás que agora se suman outras sete actuacións, por importe de 1.161.248 euros e financiadas coa modificación de crédito recentemente aprobada. Louro destacou que, en todos os casos, trátase de obras con partidas orzamentarias asignadas e proxectos redactados.
Todas as obras comezarán antes de que remate o verán e agárdase que varias podan rematar antes de fin de ano.
A relación de novas actuacións é a seguinte:
1. Acondicionamento do espazo peonil de José Adrio Barreiro (popularmente coñecido como a pasarela sobre a vía férrea). Investimento de 302,396,38 euros e un prazo de execución de catro meses.
2. Acondicionamento da zona axardinada do Camiño Vello de Castela a carón do Estadio da Xuventude. Orzamento de 240.488,78 euros e un prazo de execución previsto de dous meses.
3. Acondicionamento integral da rúa de Leiras Pulpeiro, en Campolongo. Orzamento 220.618,60 euros e un prazo de execución de catro meses.
4. Acondicionamento integral da rúa de Blanco Porto. Orzamento 241.924,80 euros e prazo de execución de seis meses.
5. Primeira fase do adecentamento en superficie do barrio de Fontesanta (barrio de vivendas sociais a carón da rúa de Blanco Amor) e ordenación do estacionamento público. Orzamento 60.152,30 euros e prazo dun mes.
6. Pavimentación da avenida de Marqués de Valterra e acondicionamento do estacionamento público (Estribela). Orzamento de 30.000 euros. Prazo dun mes.
7. Mellora da iluminación pública na avenida de Marqués de Valterra (Estribela), estas dúas últimas dentro do programa de obra pública da ARI. Orzamento de 65.670,35 euros e prazo de execución dun mes.