Arredor de 10.000 exemplares no Banco de Libros de Texto

39

O Banco de Libros de Texto recibiu nestes días arredor de 10.000 exemplares para ser repartidos entre todos os veciños de Pontevedra que soliciten (entreguen). Até o de agora a Concellaría de Benestar Social Municipal recibiu 800 solicitudes (a maior parte da zona urbana), e están a colaborar con esta iniciativa municipal 25 centros de ensino, aos que haberá que sumar todos aqueles bancos de donación de libros que levan activos varios anos en distintos centros de ensino do municipio.

A concelleira Carmen Fouces explicou que a maior parte dos libros xa están na Casazul e que nestes días están a recibir donacións de particulares que xa se dirixen á Casazul. Tamén haberá unha segunda parte da campaña, no mes de setembro, aínda que se prevé menos numerosa. As familias aínda poden solicitar as súas peticións dirixíndose á Casazul.

Carmen Fouces explicou que esta iniciativa non só está pensada para as persoas con máis dificultades económicas, está pensada para toda a poboación, pola necesidade de reutilizar todos os manuais vixentes e en bo estado de uso. A concelleira fixo un chamamento á Consellería de Educación para que se sente e coñeza a situación actual dos libros de texto e o material escolar.

Tamén fixo un chamamento á todas as editoriais que fan pequenas modificacións nos manuais para obrigar a cambialo ano a ano. De feito ten coñecemento de que algúns centros de ensino (especialmente de secundaria) están vendo as modificacións para ver se non é preciso cambialos.