O Concello e a Federación Galega de Piragüismo pechan o acordo para acoller tres competicións de rango nacional

67

O Concello de Pontevedra e a Federación Galega de Piragüismo (Fegapi) asinaron, por segundo ano consecutivo, o convenio de colaboración que permite a celebración de varias competicións de rango nacional no encoro do Pontillón do Castro. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Fegapi, Alfredo Bea, asinaron o acordo en presenza do seu impulsor, o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández.
O convenio cobre os gastos de tres competicións principais: a Copa de España de 1.000 metros (xa celebrada o pasado mes de abril), o Campionato de España Sénior e Xuvenil (19 e 20 de xullo) e o Campionato de España de Novas Promesas (26, 27 e 28 de xullo).
A maiores, como destacou o concelleiro de Deportes, Verducido acolle diferentes competicións galegas, ata totalizar 13 eventos ao longo do ano, grazas aos acordos alcanzados coa Concellería de Deportes a principios do pasado mes de xaneiro.
O departamento municipal estima que en torno a 5.000 palixeiros competirán neste completo calendario ao longo do ano e que unhas 15.000 persoas, contabilizando técnicos, xuíces e acompañantes, pasarán pola cidade, o que supón un importante impulso socioeconómico. Por outra banda, o concelleiro destacou o papel referente que o encoro de Verducido xoga na celebración de competicións galegas e españolas.
O alcalde cualificou o impacto destas probas como “impresionante” polo volume de xente que se move ao redor do piragüismo. Agradeceu a confianza das federacións galega e española.
Alfredo Bea subliñou que o piragüismo debe estar moi agradecido á cidade de Pontevedra e ao seu Concello. Lembrou que a celebración deste tipo de campionatos en Galicia permite que os equipos galegos envíen ao 100% do seu potencial deportivo, cousa que non poderían facer de ter que afrontar gastos de desprazamento a outros puntos de España. Pontevedra é a nosa casa porque aquí sempre recibimos un trato extraordinario, afirmou.
Lembrou a forza dos cinco clubs pontevedreses, encabezados polo Cidade de Pontevedra, o mellor club galego.
Á parte das probas de rango estatal, o calendario piragüístico pontevedrés para este ano incluíu tamén boa parte da programación da Fegapi. Trátase do Control Galego de 5.000 (febreiro), Campionato Galego de 5.000 (febreiro), Campionato Galego de K-2 e C-2 (marzo), Campionato Galego de Pista (xullo) e, finalmente, a Festa da Piragua (no próximo mes de agosto).
No marco da XVIII Liga Galega de Ríos, o Lérez será o escenario do Campionato Galego de Maratón, unha proba que está pensada como un primeiro ensaio de cara ao Campionato de España de 2014 ou 2015 e, posteriormente, o Europeo de 2016 desta disciplina.
Ao encoro de Verducido corresponderalle acoller novamente o Trofeo Príncipe de Asturias.
Tamén se celebraron catro probas dentro da XVIII Liga Galega de Promoción, que xa están programadas para o 9 de febreiro (río Lérez), 9 de marzo (Verducido), 20 de maio (Ponte Sampaio) e 2 de xuño (Verducido).
Finalmente, dentro da XVII Liga Galega de Kayak Polo está previsto o Campionato Galego, a disputarse tamén en Verducido, o próximo 8 de setembro.