A Xunta de Goberno abriu esta mañá o proceso de adxudicación das obras de reforma da canceira de Campañó por máis de 199.000 euros. O concelleiro delegado do servizo, Miguel Filgueira explicou a pasada semana que as obras poderán estar rematadas a final de ano onde haberá unha nova canceira con clínica veterinaria, almacéns, oficinas, conexión ao saneamento, con novas canceiras, con zonas separadas segundo o tipo e o estado do animal…
Miguel Filgueira fixo balance a pasada semana da campaña de sensibilización ambiental Yes, we can que consistiu na publicación dun bando que recolle toda a lexislación municipal existente con dereitos, obrigas, prohibicións, coidados… Tamén se fixo unha campaña de microchipeado na que participaron dúas clínicas veterinarias e se puxo o chip a máis de 150 animais. O obxectivo é loitar contra o principal problema neste momento: o abandono de cans.
O Día da adopción foi unha xornada informativa que suscitou moito interese entre os cidadáns e as xornadas de adestramento resultaron todo un éxito cunha asistencia de 80 persoas, moi por riba das previsións da concellaría.
A Policía Local tamén colaborou con esta campaña facendo controis puntuais. Chegou a impoñer 21 denuncias por diversos motivos: carecer de licenza de animal perigoso; do seguro obrigatorio; por levar cans sen cadea; por non ter microchip; por non recoller os excrementos…
De cara ao vindeiro ano a Concellaría pretende manter a campaña de microchipeado e de adestramento, iniciarse na esterilización e castración de animais para evitar a problemática dos abandonos e campañas de sensibilización escolar.