Aberta a adxudicación para reformar a canceira

53

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá un orzamento de 199.861,06 euros para executar reformas na canceira de Pontevedra; un proxecto que se mellorou coas suxestións da protectora de animais, a Asociación Palleiros, que xestiona a canceira.

Este investimento permitirá o adecentamento das instalacións, na actualidade moi saturadas e obsoletas. O concelleiro delegado do servizo, Miguel Filgueira explicou a pasada semana que a reforma estará rematada a finais de ano e pretende ter os cans ben ordenados, creando zonas de corentena, facer a conexión ao saneamento público, crearanse almacéns, oficinas, unha clínica veterinaria, entre outras partes.

Miguel Filgueira explicou a pasada semana que rematou a campaña de sensibilización ambiental Yes, we can que supuxo a publicación dun bando que aglutina toda a lexislación vixente coas obrigas, dereitos, prohibicións, coidados…

Tamén se fixo unha campaña de microchipeado na que participaron dúas clínicas veterinarias da cidade e no que se puxeron o chip a 150 animais. A campaña do Día da adopción, de carácter meramente informativo, tamén tivo bos resultados, especialmente tendo en conta que as casas de acollida son unha nova opción para a saturación das instalacións da canceira.

Un auténtico éxito foi a xornada teórico e práctica de adestramento que fixo a Concellaría e na que participaron máis de 80 persoas.

A Policía Local tamén realizou unha campaña sancionada na que se tramitaron 21 denuncias de distinta índole:

  • Carecer de licenza de animais perigosos (cada vez son menos os donos de cans que non dispoñen deste documento do animal)
  • Por levar cans sen cadeas
  • Por non recoller os excrementos
  • Por non ter microchip
  • Por non ter seguro obrigatorio

Miguel Filgueira explicou que estas campañas continuarán e faranse en distintos momentos do ano.

De cara ao vindeiro ano continuarase coa campaña de microchipeado co obxectivo de poder chegar ao 100% dos cans; a esterilización ou castración de animais para tratar de paliar o número de abandono, principal lacra neste momento; campañas escolares de información e sensibilización que contará coa presenza do experto César Bona. Continuarán as campañas de adestramento.