Antón Louro recalca a aposta da Concellería de Urbanismo polo eixe de Loureiro Crespo

60

Os representantes dos comerciantes da avenida de Lugo, Loureiro Crespo e José Adrio Barreiro mantiveron hoxe unha xuntanza co tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo e Obras Urbanas, Antón Louro, para coñecer os últimos detalles relacionados coas obras nesta zona.
Os comerciantes, encabezados pola presidenta da súa asociación, María Diz, coñeceron a través do tenente de alcalde que as obras da avenida de Lugo están xa a piques de adxudicarse. A próxima semana abriranse as plicas das 26 empresas que se presentaron ao concurso público. En canto á pasarela peonil de José Adrio, ao tratarse dun importe inferior, o trámite será máis áxil. Ambas actuacións estarán adxudicadas durante o verán.
En canto aos prazos de execución, Louro subliñou que na avenida de Lugo o número e importancia das empresas concorrentes garante unha importante redución sobre os 13 meses previstos. En José Adrio Barreiro trabállase sobre unha estimación de catro meses, polo que o obxectivo é que a reforma estea rematada antes do Nadal.
O tenente de alcalde subliñou que a Concellería de Obras Urbanas inviste máis de 1,5 millóns de euros neste importante eixe comercial da cidade (1.246.480 euros na avenida de Lugo e 302.396 euros en José Adrio) o que vai supoñer un importante cambio. Anunciou que a súa intención e acometer, en dúas fases máis, todo o percorrido da rúa de Loureiro Crespo.
Durante a xuntanza falouse das vantaxes que ofrece a avenida de Lugo, pola súa amplitude (máis de 24 metros  de ancho), para minimizar as molestias para veciños, comerciantes e tráfico rodado durante a execución das obras. De feito, ao traballarse por seccións, non será necesario pechar a circulación.
En canto a José Adrio, Louro destacou que a cidade gañará unha ampla praza, un espazo de convivencia que ofrece novas posibilidades e que reforzará a potencia comercial dos locais existentes.
A obra incluirá unha rede de evacuación de augas pluviais, solucionando así os problemas existentes. Tamén se explicaron as características do monumento funerario previsto para honrar a memoria dos fusilados pola súa defensa da Democracia, a modo de muro, ao longo da zona de contacto coa rúa 12 de novembro. Terá a mínima altura posible, a imprescindible para incorporar a zona verde ao mesmo nivel que a pasarela. Isto permitirá crear unha franxa vexetal na que se plantarán árbores de sombra intercalados con bancos. Haberá tamén unha ampla escaleira central para permeabilizar a comunicación entre a rúa e a pasarela.
Ambas partes quedaron en manter novos contactos para ir informando sobre o desenvolvemento das obras.