A Concellería de Promoción Económica e “Supera” colaboran nas prácticas dos alumnos do ILES

64

Facilitar as prácticas dos alumnos dun dos módulos de formación e inserción laboral do programa municipal “Iniciativa Local de Emprego Social” (ILES) e ofrecer aos maiores pontevedreses a posibilidade de recibir coidados gratuítos na piscina de Ponte Muíños é o dobre obxectivo dun acordo que hoxe asinaron a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, e o xerente da empresa “Supera”, Julio Pita.
O convenio permitirá completar a formación dos 15 alumnos do itinerario de Actividades acuáticas para maiores dependentes. As prácticas realizaranse entre o 17 deste mes de xullo e o 30 de agosto en horario de mañá.
Ao acto asistiu tamén Ramón Meiriño, presidente da fundación Rías do Sur, como entidade propietaria da instalación. Carlota Román agradeceu a colaboración desinteresada de “Supera” e de Rías do Sur, o que fixo posible contar coa mellor piscina de Galicia para unha iniciativa de clara orientación social.
A Concellería de Promoción Económica decidiu aproveitar esta circunstancia para ofertar ás persoas maiores e dependentes a posibilidade de recibir atención terapéutica gratuíta a través dos cursillistas. Formaranse dous grupos repartidos en senllas quendas entre as 09.00 horas e as 11.30 horas.
As persoas interesadas en aproveitar esta oportunidade deben dirixirse dende hoxe mesmo ás oficinas do ILES, en Ponte Muíños. Tamén poden contactar a través do número de teléfono 986 841606.
O curso-itinerario para formar terapeutas especializados en rehabilitación de maiores dependentes con actividades acuáticas comezou o pasado mes de marzo. Consta dun periplo formativo de 365 horas. As 215 horas teóricas xa están concluídas, polo que agora acometen as 150 horas de prácticas laborais.
O programa ILES é unha iniciativa da Concellería de Promoción Económica do Concello de Pontevedra que conta co apoio económico do Fondo Social Europeo. Ao seu remate, previsto para o ano próximo, terá formado laboralmente a 270 parados pontevedreses.