Un novo plan de mobilidade permitirá reordenar os espazos de estacionamento da cidade

34

O concelleiro de Infraestruturas e Mobilidade, César Mosquera deu un chanzo máis no estudo global da mobilidade peonil e de tráfico rodado da cidade para tratar de dar solucións a problemas ou disfuncións no sistema de mobilidade no modelo de cidade.

Segundo el mesmo avanzou, este estudo está en fase de borrador pero pretende porse en marcha este mesmo ano, está en estudo a proposta de convertir algunhas zonas de carga e descarga en espazos de servizos, dado que a normativa da carga e descarga é moi ríxida, e impide certas actividades económicas como a mensaxería ou a un particular facer un recado. Para eso, a Concellaría estuda a transformación en zonas de estacionamento temporal (de servizos) de 15 minutos, 30 minutos ou, incluso, unha hora, con regulación específica para os residentes.

A Concellaría está a estudar moitos ámbitos da cidade como a praza de Barcelos. A día de hoxe, e tendo en conta que o borrador está en fase de estudo, transformaría parte do seu estacionamento en zona de servizos cun aparcamento dunha hora e horario libre para residentes. Tamén avanzou que este plan de mobilidade implica a peonalización dalgunhas rúas como Alfonso XIII ou reordenar rúas como Echegaray.

Outro dos ámbitos nos que traballa este plan de mobilidade é eliminar os problemas de estacionamento dos colexios da cidade (Barcelos, Doroteas, Calasancias, Froebel…), onde a Policía xa realizou unha campaña informativa entre os pais.

Contando coa implicación da Policía Local, a Concellaría propón a adquisición dun vehículo con GPS que permitirá detectar os vehículos que non cumpran o horario de servizos.