A semana de “Showcooking” na Praza de Abastos comeza cunha clase maxistral a cargo de Pepe Solla

65

O cociñeiro Pepe Solla estreou hoxe a semana do “Showcooking” na Praza de Abastos, unha actividade organizada pola Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo. Ducias de persoas presenciaron, e mesmo tomaron nota, das habilidades do chef fronte aos fogóns instalados no primeiro andar do edificio municipal.
A xornada comezou coa compra das materias primas na propia Praza a cargo do cociñeiro e a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román. O xurelo, a xoubiña e as hortalizas foron os protagonistas. A continuación Solla elaborou varios pratos explicándoos paso a paso.
Mañá, mércores, será a quenda de Alfonso Díaz, cociñeiro de Casa Román. É colaborador habitual de varios programas de televisión, entre eles “Un País para comérselo”; titular do blog Canal Cocina; autor de varios libros de receitas; organizador das xornadas gastronómicas galegas en Xaén e participante habitual en eventos gastronómicos de primeiro nivel por todo o mundo.
O xoves tocaralle aos cociñeiros Óscar Abal e Adrián Fuentes, do restaurante A Punto; o venres será a quenda de Iñaki Bertal, do Eirado da Leña, e, finalmente, o sábado, pechará a programación o chef José Pou, do Room. Todas as exhibicións comezarán a partir das 11.30 horas. Os cociñeiros traballarán na cociña cedida por Bioka e estarán apoiados cun micrófono e un equipo de megafonía para que as súas explicacións podan seguirse dende diferentes puntos do Mercado de Abastos. Ao remate de cada sesión ofrecerase unha degustación gratuíta.
Carlota Román presentou esta nova iniciativa como unha fórmula exploratoria das posibilidades do primeiro andar do edificio municipal. Agradeceu a colaboración dos cociñeiros pontevedreses, o que permite conxugar o dobre obxectivo de promocionar a Praza e a gastronomía local. Lembrou que a Praza é un dos principais activos turísticos da cidade e que esta iniciativa gastronómica forma parte da campaña de promoción turística para este verán.