Máis de 60 hostaleiros do Centro Histórico e a Concellería de Turismo impulsan o Entroido de Verán

63

A inquedanza dun grupo de empresarios do Centro Histórico, que se identifican a si mesmos como “Agrupación de Hosteleros Pa-veros” servirá para poñer en marcha a primeira edición do Entroido de Verán de Pontevedra. A iniciativa, que se celebrará este sábado, día 20, foi presentada hoxe co apoio da Concellería de Promoción Económica, Emprego e Turismo.
O xerme da idea está nunhas recentes conversas entre varios hostaleiros locais que buscaban celebrar algunha actividade durante o mes de xullo que servira para dar animación ao Centro Histórico e contribuír a potenciar o turismo e a reactivación económica. Así, a pesar da precipitación das datas, decidiron falar coa concelleira de Turismo, Carlota Román, para ver de darlle forma.
O apoio da concelleira resultou crucial e naceu así este Entroido de Verán, que é visto por Carlota Román como unha oportunidade para incentivar o asociacionismo no sector hostaleiro. A concelleira aproveitou o acto para lamentar a falta dun interlocutor representativo co que traballar para dinamizar a hostalería local. Deste xeito, animou aos empresarios a poñerse de acordo para traballar xuntos e sacar adiante máis proxectos.
Na presentación estiveron algúns dos hostaleiros, encabezados por Darío Fernández, quen anticipou que máis de 60 negocios confirmaron xa a súa adhesión a este Entroido e prometeu seguir traballando para confluír no nacemento dunha futura asociación de todos os hostaleiros pontevedreses.
O pregoeiro do Entroido de Verán, o escritor e columnista Rodrigo Cota, lembrou que a tradición pontevedresa da que todos estamos tan orgullosos xurdiu de ideas tolas, e mesmo absurdas, de persoas como os irmáns Muruáis ou Perfecto Feijoo. En principio eran iniciativas populares, como a que hoxe se presentou, que acabaron recibindo o apoio institucional.
Os actos do Entroido de Verán comezarán ás 20.00 horas na praza da Verdura coa chegada de Furcinho, un camaleón brasileiro amigo de Ravachol e que vai xogar un papel protagonista no evento.
O pregón, a partir das 21.30 horas, a cargo de Rodrigo Cota, precederá á saída dunha charanga que fará un percorrido polas rúas e principais prazas do Centro Histórico.
A temática do Entroido será o Verán, polo que se anima a todo o público que queira sumarse a acudir con flotadores, bañadores, perrucas, gafas de sol ou calquera outro obxecto relacionado. Os máis de 60 locais de lecer adheridos ofertarán todo tipo de descontos, premios e sorteos. Cada establecemento queda comprometido a ambientarse e disfrazar ao seu persoal.
A “Asociación de Hosteleros Pa-veros”, que está a promocionar activamente o evento a través das redes sociais,  elaborou tamén un relato explicativo do nacemento da idea, que alude a unha estraña amistade do loro Ravachol co exótico camaleón: “O loro, imaxe do Entroido e embaixador de Pontevedra, no seu periplo viaxeiro #whereisravachol, chega ás costas brasileiras, e nunha das praias de Copacabana coñece ao camaleón Furcinho, membro dunha escola de samba, quen se convirte no seu guía turístico, e en algo máis que un amigo… Desta relación, xorde a idea mutua de exportar o Entroido de Verán á nosa cidade”. O relato está acompañado dun cartel con ambas personaxes en actitudes ben distintas: “O evidente enfado de Furcinho na foto é froito de que dita instantánea foi  roubada nunha praia nudista”, aclaran.