O Consello de Salcedo acorda que o Centro social sexa de uso para a maioría dos veciños

62

O concelleiro delegado da parroquia de Salcedo, Demetrio Gómez deu conta esta mañá do acordo acadado onte pola noite, pola maioría das asociacións con representación no Consello parroquial de Salcedo en relación á futura construción do Centro social da parroquia.
No primeiro punto da orde do día, o concelleiro deu conta dunhas obras de mellora que se farán en distintos lugares da parroquia: no Casal e en Cabanas, e tamén acordaron o apoio do Consello á Asociación Salcedo Norte en relación ás súas reclamacións sobre as obras do Nó do Pino.
O último punto da orde do día e o groso da reunión foi o posicionamento do Consello parroquial sobre o Centro social de Salcedo. Demetrio Gómez explicou que a maioría das asociacións representadas onte no Consello parroquial aprobaron a construción dun centro social que atenda ás necesidades dos veciños, que non se trate dun centro de uso específico, senón un local cívico.
Demetrio Gómez quixo aclarar esta mañá que o deseño do actual Centro social de Salcedo é froito de moitas horas de traballo por parte da comisión creada para promover a construción do local e logo polo Consello parroquial que tomou o relevo daquela comisión.
Na reunión aprobouse un acordo (recóllese a continuación) asinado por todas as asociacións asistentes agás pola Banda de Música de Salcedo e pola Anpa do Colexio de Cabanas. Non asistiu a Anpa do Colexio San Martiño, pero Demetrio Gómez aclarou que nas anteriores reunións sempre se posicionou de acordo coa maioría da parroquia.

Acordo:
Apoiaron este acordo do Consello Parroquial de Salcedo
Asociación de Cabanas
Asociación Heroes do Campo da Porta
Asociación Salcedo Norte
Asociación Santa Rita
S.C.D. Salcedo
Xunta de Montes de Salcedo

O Consello Parroquial de Salcedo fai público que:
1.- A Parroquia de Salcedo ten necesidade dunha infraestrutura socio-cultural na que se poidan desenvolver as actividades organizadas por todas as  entidades da parroquia, nomeadamente aquelas que implican unha maior asistencia de veciños e veciñas. 
2.- O proxecto de Centro Social de Salcedo actualmente exposto é froito dos traballos desenvolvidos no seo deste órgano representativo da parroquia de Salcedo, que non terían sido posíbeis sen a bagaxe previa aportada pola comisión pro-Casa de Cultura.
3.- Os traballos do Consello Parroquial tiveron sempre sempre a favor o esforzo de todas as entidades por chegar a un punto común e a xenerosidade de todos e todas para darmos resposta ás necesidades compartidas. Serva de exemplo cesión dos terreos pola Xunta de Montes.
4.- O proxecto de Centro Social de Salcedo dá resposta ás necesidades parroquiais comúns no ámbito da infraestrutura socio-cultural e consideramos que pode tamén estar a disposición do resto dos veciños e veciñas de Pontevedra.
Xa que logo, este Consello Parroquial esixe que se axilice a tramitación do proxecto Centro Social de Salcedo para que a nosa parroquia poida contar con esta infraestrutura no prazo máis breve posíbel.

En Salcedo, Pontevedra, a 16 de Xullo de 2013

Demetrio Gómez tamén aclarou que unha vez definido o proxecto a construír, e cedida a parcela por parte da Xunta de Montes, o Concello porá en marcha a maquinaria administrativa para afrontar os procesos de contratación dunha obra que poderá superar os 500.000 euros, dado que a pretensión é satisfacer moitas das necesidades dos veciños da parroquia e ir completando a rede de centros e locais sociais que o Concello de Pontevedra está a abrir en barrios e parroquias de todo o municipio.