Veciños e Concello recollen as ameixas do barrio da Parda

69

O concelleiro delegado do barrio da Parda, Luís Bará participou esta mañá na recollida de ameixas das árbores froiteiras da avenida de Juan Carlos I e do resto do barrio, xunto á asociación de veciños Manuel Quiroga, residentes no lugar e asociados da asociación Rexurdir.
Luís Bará explicou que esta iniciativa, que contou co apoio da empresa concesionaria Cespa, xurdiu dunha queixa inicial dos veciños da zona polo estropicio que causaban as froitas ao madurar. Luís Bará recoñeceu que este tipo de árbores non son as máis indicadas para os espazos urbanos por cuestións evidentes.
Ante esta situación, a Concellaría xunto aos veciños organizaron esta recollida, unha actividade de carácter lúdico e social co obxectivo de sensibilizar aos residentes de tal xeito que co tempo a iniciativa parta directamente dos veciños para que recollan eles, de motu propio, as ameixas. Luís Bará agradeceu a colaboración de todos os participantes, especialmente da asociación Manuel Quiroga, da máis activas do concello.
Segundo as estimacións dos participantes, poderanse recoller entre 40 ou 50 quilos de ameixas. A asociación de veciños porase en contacto con Redeaxuda para entregar a recollida, pero as ameixas tamén poderán ser degustadas por todos os participantes.