Antón Louro anuncia aos hostaleiros da rúa de Blanco Porto o comezo inminente das obras de reurbanización

43

As obras da rúa de Blanco Porto suporán un cambio substancial tanto no aspecto como na calidade urbana. O proxecto que impulsa o concelleiro de Obras Urbanas, Antón Louro, contempla, ademais da renovación en superficie, a substitución de todas as instalacións soterradas de augas e servizos, así como a canalización baixo terra dos cables de electricidade e alumeado público.
Antón Louro mantivo hoxe unha xuntanza cos hostaleiros da rúa, que pediran un encontro para coñecer directamente o proxecto. A obra, valorada en 242.000 euros, terá un prazo de execución de seis meses. Ao seren adxudicada por procedemento negociado, podería estar en marcha na primeira quincena de setembro e a idea do tenente de alcalde é primar a redución do prazo. Tentarase que estea rematada cara o final do ano.
Durante a xuntanza explicouse que o deseño final será igual ao de Cruz Gallástegui e Joaquín Costa (rúas coas que enlaza) por unha simple cuestión de coherencia. A actuación servirá tamén para corrixir algunhas deficiencias no alumeado público, pois Blanco Porto foi unha das primeiras vías urbanas nas que se instalaron farois led e hai zonas escuras.
Louro e os técnicos municipais explicaron que as actuais beirarrúas, duns dous metros de anchura, pasarán a ter en torno a 3,5 metros. O aparcamento será eliminado nun dos lados e manterase á dereita do sentido da marcha, como é norma. Tamén se plantarán árbores de sombra.
As obras da rúa de Blanco Porto forman parte dun paquete de actuacións impulsado pola Concellería de Urbanismo e Obras Urbanas valorado en máis de 3,1 millóns de euros e que inclúe tamén as rúas de Santa Clara, avenida de Lugo, pasarela do tren (rúa José Adrio Barreiro), zona verde do Camiño Vello de Castela, Leiras Pulpeiro, acondicionamento do barrio de Fontesanta (primeira fase), asfaltado na avenida de Marqués de Valterra e cambio de iluminación na praza de Marqués de Valterra (Estribela).