Un parque infantil e sendas peonís, melloras en Valentín García Escudero

55

Dende o respecto á dor das vítimas do accidente ferroviario de Santiago, o Concello de Pontevedra decidiu manter certa actividade, a pesar do complicado do momento. Foi o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará quen esta mañá mantivo o seu compromiso coa prensa para presentar as novidades do proxecto de soterramento dos achados arqueolóxicos na praza da Valentín García Escudero.
Explicou que os traballos de cubrición están rematados, e só está pendente do cambio do valado exterior e a creación dunhas sendas exteriores que permeabilicen a mobilidade peonil na zona.
Segundo o concelleiro, o resultado dos traballos nos que participaron varias empresas e orzamentado en máis de 80.000 euros “é moi satisfactorio” e agradeceu a colaboración e comprensión da veciñanza durante todo este proceso.
As novidades do proxecto, que poderá estar concluído nos vindeiros dous meses, é a instalación dun parque infantil orzamentado en 59.800 euros. Trátase dun barco de pesca que terá unha relación directa co espazo histórico que ocupa: o antigo peirao recollendo a tradición mariñeira da zona. Ten unha dimensión de 12×11,60 metros que terá dous tobogáns, dúas estruturas de trepa, escaleiras de barras, xogo de prismáticos, dúas áncoras, timón… Estará ubicado entre o xacemento, a praza do peirao e a zona da parada de autobús.
A segunda das novidades do proxecto é a mellora das conexións peonís na zona: entre a praza do Peirao, a ponte do Burgo, a parada de autobuses e a rúa da Ponte. Está previsto a construcción dunha beirarrúa na avenida de Uruguai para mellorar o acceso á parada de bus, e outras sendas dentro da zona verde.
Entre o investimento xa feito, e as novas incorporacións o proxecto ascende a uns 200.000 euros.