O Centro histórico ponse a punto para acoller as festas do verán

151

O concelleiro delegado do Centro histórico mantivo esta mañá unha reunión cos técnicos municipais e cos da empresa encargada da conservación e mantemento do centro histórico para coordinar a posta a punto do principal centro de atracción cidadá nas festas do verán. Segundo o plan pechado esta mañá, durante a vindeira semana faranse as seguintes actuacións:
• Actuación na avenida de Santa María coa colocación dunha varanda de protección no xardín no que está a estatua de Castelao para evitar o acceso dos vehículos a esta zona verde. Tamén está prevista mellorar o axardinamento do banco de madeira corrido da praza por parte do servizo de Parques e Xardíns.
• Na Praza de Méndez Núñez instalaranse bancos de madeira diante do colexio Méndez Núñez.
• Na rúa Serra está previsto a reparación de pavimentos en mal estado, ao igual que na rúa Pasantería
• Na rúa Sarmiento substituiranse as actuais arquetas de peda por trampillóns, o sistema que se está a estender por todo o Centro histórico.
• Ademais farase reparación de arquetas, alcorques e mobiliario urbano en todo o centro histórico, así como revisión e reparación do alumeado público.

Valentín García Escudero
Tamén en relación ao Centro histórico, a Concellaría vén de asinar un novo contrato para o mantemento e conservación dos espazos arqueolóxicos do Campiño de Santa María e Valentín García Escudero. A empresa especializada BIC encargarase da limpeza e conservación destes espazos, facendo un seguimento semanal para mantelos nas mellores condicións.
Desta maneira, trátase de evitar a proliferación de vexetación e a acumulación de lixo que se produce, sobre todo, durante as fins de semana. Con esta actuación, a Concellaría de Patrimonio Histórico procura que os principais xacementos arqueolóxicos da cidade presenten un óptimo estado de conservación e ofrezan unha boa imaxe tanto para os pontevedreses como para os visitantes.
Unha vez rematada a cubrición parcial dos restos arqueolóxicos de Valentín García Escudero, a previsión do concelleiro do Centro Histórico é que as obras continúen a semana que vén co acondicionamento de sendas peonís e zonas verdes e mellora da accesibilidade á parada de bus.
O seguinte paso será a instalación do parque infantil entre o xacemento e a praza do Peirao, actuación prevista para o mes de setembro. Estas obras supoñen un investimento de 120.000 euros e engádense aos 80.000 xa investidos na cubrición do xacemento.

Enfesta de San Telmo
A única obra activa nestes momentos no Centro Histórico é o cruzamento entre a Enfesta de San Telmo e a rúa Barón, ao lado do edificio do Colexio de Aparelladores. Nesta zona estanse a mellorar os servizos (auga, gas, telecomunicacións) e o pavimento de pedra.
Durante os traballos produciuse un achado de restos romanos, parte deles xa coñecidos desde o ano 2001. Tanto o arqueólogo municipal como o arqueólogo contratado para o control das obras están a facer un seguimento dos movementos de terra na zona para documentar e rexistrar as estruturas atopadas.