Medio cento de operarios participan no operativo de limpeza para limpar o lixo das peñas

70

A Concellaría de Servizos, que xestiona Carme da Silva, pon en marcha esta fin de semana un servizo especial de limpeza en toda a zona monumental con motivo da “festa” que as peñas organizan nesta zona da cidade coincindo coas touradas. A empresa Cespa, concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza da cidade, creou un plan no que participarán 49 traballadores e 19 máquinas de diversa índole para manter en perfectas condicións de limpeza e hixiene o centro histórico da cidade.
A empresa Cespa destinará para este servizo extraordinario, cada un dos días de celebración de peñas, ata 49 operarios (1 xefe de servizo, 2 encargados, 1 xefe de taller e 45 operarios) que se dividirán a zona monumental en tres sectores: Campiño de Santa María, praza do Teucro e praza da Ferraría cubrindo así todo o centro histórico.
A distribución do servizo será a seguinte:
• 22 operarios a pé
• 3 furgóns/sopladoras
• 7 varredoiras
• 3 lavabeirarrúas
• 3 camións de recollida de lixo (con dous operarios cada un)
• 3 cisternas

Cabe lembrar que este operativo especial compleméntase co habitual servizo de limpeza e recollida no resto da cidade durante o resto do día, o que deixa patente o esforzo extra que ten que facer a Concellaría. Por iso solicita a colaboración e a comprensión de todos os cidadáns, e a concienciación dos que participan nesta singular celebración.