O Concello agradece aos veciños de Xeve a custodia dos cruceiros de Gatomorto

70

O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará deu esta mañá grazas públicas aos veciños de Santo André de Xeve, a través da asociación de veciños e da comunidade de montes, que custodiaron durante un tempo os cruceiros de Gatomorto de Arriba e Gatomorto de Abaixo, que foron entregados ao Concello para a súa restauración. Agradeceu a sensibilidade social e a preocupación veciñal por conservar e recuperar os bens patrimoniais culturais, como foi o caso de Santo André.
Luís Bará explicou que dentro do Plan de restauración patrimonial de cruceiros, o Concello dispón neste ano de 50.000 euros que se investirán na restauración dos mentados cruceiros e tamén do de Casal do Mendo de Campañó, que se atopa custodiado no Depósito de arqueoloxía do Concello.
Neste acto asinouse un acta de entrega e custodia destes fondos por parte do Concello, e tamén se dará conta á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia de que as pezas están depositadas no Concello e serán restauradas.
Ademais da restauración e recomposición propia da peza, o concelleiro Luís Bará explicou que nalgún caso haberá que facer algunha actuación na contorna do cruceiro para garantir a súa integridade, porque moitos deles están rotos por accidentes de tráfico (de feito, algúns son rotondas). Este tipo de actuación está sendo consensuada coa Dirección Xeral de Patrimonio.
Os tres cruceiros que se someterán a esta restauración nos vindeiros meses son BIC (Ben de Interese Cultural, son todos aqueles que teñen máis de 100 anos), estarán en mans de profesionais acreditados para tratar este tipo de elementos patrimoniais.