INICIACIÓN DO PROCEDEMENTO DE EXPROPIACIÓN FORZOSA POR TAXACIÓN CONXUNTA DOS BENS E DEREITOS A EXPROPIAR COMO CONSECUENCIA DA EXECUCIÓN DO PROXECTO DE URBANIZACIÓN DO VIAL DA “REDE ARTERIAL. NOVO ACCESO SUR N-550”, DESDOBRAMENTO DA AVDA DE VIGO, EN DESENVOLVEMENTO DO PXOU E DO “CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE O CONCELLO DE PONTEVEDRA E O MINISTERIO DE FOMENTO PARA A RACIONALIZACIÓN E MELLORA DA REDE DE ESTRADAS DO ESTADO NO MUNICIPIO DE PONTEVEDRA” DE 24/04/2009 E ADDENDA MODIFICATIVA ASINADA O 23/11/2012 (EXPEDIENTE 30859/11).

53

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra, na sesión que tivo o lugar o día 29/07/2013 adoptou o seguinte acordo:

PRIMEIRO.- Dispoñer a aplicación do sistema de expropiación forzosa, mediante o procedemento de taxación conxunta, para a obtención dos terreos afectos ao viario proxectado, denominado “Rede Arterial, novo acceso Sur N-550”, para o desdobramento da Avenida de Vigo, que afecta a unha superficie total de 13.554,21 m2, abrangue 23 predios de propiedade particular pertencentes a diversos propietarios e que inclúe unha ocupación temporal por necesidade da obra doutros 1.096 m2, que será revertida ao final da obra aos seus lexítimos propietarios, co fin de proceder, en desenvolvemento do PXOU vixente, á execución do proxecto de urbanización do referido vial, aprobado definitivamente por acordo da Xunta de Goberno Local en sesión do 11/03/2013, e dar cumprimento aos compromisos adquiridos no convenio de colaboración co Ministerio de Fomento para a racionalización e a mellora da rede de estradas do Estado no municipio de Pontevedra, asinado o 24/04/2009 e modificado pola addenda asinada o 23/11/2012.

SEGUNDO.- Prestar aprobación, con carácter inicial ao “Proxecto de expropiación por taxación dos terreos afectos ao proxecto de urbanización da rede arterial, novo acceso Sur N- 550” para desdobramento da Avenida de Vigo, datado en xuño de 2013 e redactado polo enxeñeiro de camiños, canles e portos don Santiago López Fontán, que contén a valoración do solo expropiado e inclúe as follas de xusto prezo individualizadas, supervisadas e conformadas pola Arquitecta Municipal da Oficina Técnica de Arquitectura.

A relación de propietarios e fraccións de propiedade obxecto de expropiación, de acordo co proxecto expropiatorio redactado por don Santiago López Fontán de data xuño de 2013, é a que se reflicte a continuación, excluídos os predios nº 1, 2, 3, 5, 8, 10 A e 10 C, 11, 12, 13, 14 e 21, xa adquiridos por avinza e o predio nº 6, pendente de adquisición tamén por mutuo acordo:

FINCA

TITULARIDADE

4 (Porción)

Promociones Arga SL, Rafael Areses Pérez, María del Rosario Areses Pérez e Agapito Manuel Poceiro Graña

7 (Porción)

Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria-SAREB/NCG División Grupo Inmobiliario SL

9 (Porción)

Araceli Dios Torres

10b

En investigación art. 47 Lei 33/2003

15 (Porción)

Gonzalo, José Luis, Eloy e Rafael García Alonso

16 (Porción)

María Pilar García Alonso

17

Cándido Garrido Dios

18

Alfonso Guillán Casas

19

En investigación art. 47 Lei 33/2003

20

En investigación art. 47 Lei 33/2003

23 (Porción)

Promocasa Uno SL

TERCEIRO.- Dispoñer o sometemento a información pública do proxecto de expropiación, cos seus documentos, polo prazo dun mes, mediante a inserción de anuncios no DOG, no BOP, na páxina web http://www.pontevedra.eu, no taboleiro de editos do Concello de Pontevedra e nun xornal dos de maior circulación da provincia, para que os que poidan resultar interesados formulen as observacións ou reclamacións convenientes, en particular no que atinxe á titularidade e á valoración dos seus respectivos dereitos. (…)

Consonte ao disposto no artigo 143.4 da Lei 9/2002, efectuaranse notificacións individuais ás persoas que aparecen como titulares dos bens e dereitos no expediente, mediante traslado literal da correspondente folla de aprecio e da proposta de fixación dos criterios de valoración, co fin de que no prazo dun mes computado a partires desta notificación poidan formular alegacións.

As publicacións referidas e, particularmente, os anuncios no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de editos do Concello, servirán de notificación para os interesados e posibles titulares dominicais ou doutros dereitos reais ou intereses económicos directos sobre o ben a expropiar que resultan descoñecidos, ou respecto dos cales se ignore o lugar para a práctica das notificacións, de acordo co previsto nos artigos 58 e 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro. Si efectuada a referida publicación non comparecen os propietarios descoñecidos, entenderanse as dilixencias co Ministerio Fiscal, ao que se lle notificará o presente acordo.

Comunicarase tamén o presente acto á Delegación do Ministerio de Economía y Hacienda ou órgano que o substitúa, á Xerencia territorial do Catastro, á Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e á Unidade de Recadación da Consellería de Facenda Xunta de Galicia, a AEAT, a NCG DIVISIÓN GRUPO INMOBILIARIO S.L.”, a “Promociones Gulycen SL”, ao Xulgado do Mercantil nº 1.

CUARTO.- Facer constar no Rexistro da Propiedade número 1 de Pontevedra o inicio do expediente expropiatorio, mediante nota á marxe da última inscrición de dominio dos predios correspondentes que figuren inscritos.

 

Durante o prazo de 1 MES, calquer interesado poderá examinar o expediente, en horario de oficina, no Servizo Municipal de Urbanismo, Medio Ambiente e Patrimonio Histórico (Rúa Churruchaos, núm 2 – Pontevedra), e formular as alegacións e suxestións que estime procedentes, computándose o momento inicial do prazo de alegacións, dende o día seguinte ó da publicación do primeiro anuncio e ata o transcurso do prazo dun mes computado desde a última das publicacións referidas.

 

O que se fai público para xeral coñecemento e para os efectos legais procedentes.

 

Pontevedra, 30 de xullo de 2013

 

 

O ALCALDE ACCIDENTAL

O CONCELLEIRO SECRETARIO DA XUNTA DE GOBERNO LOCAL

 

 

 

Asdo.: D. Antonio Louro Goyanes

Asdo.: D. Raimundo González Carballo