Comeza a valorización do espazo etnográfico e arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo

57

A Concellaría de Patrimonio Histórico iniciou esta semana os primeiros traballos do Proxecto de valorización do espazo etnográfico e arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo, considerado  “a milla de ouro do patrimonio histórico-etnográfico” do concello ao esconder un conxunto de bens cun elevado valor ecolóxico, etnográfico, histórico e arqueolóxico.
O concelleiro Luís Bará visitou esta mañá, xunto aos representantes da Asociación de veciños Héroes do Campo da Porta e da Comunidade de Montes, os primeiros traballos que se están a facer no ámbito dos muíños do Batán, no lugar de Birrete. O proxecto en un orzamento total de 167.000 euros, pero esta primeira fase ronda os 59.000 euros que se financian con fondos propios do Concello.
Consiste no desbroce da contorna do río Batán onde se atopan os catro muíños. Farase unha senda en paralelo ao río, dende a zona da Concela, e vanse construír accesos de madeira aos muíños para facilitar a accesibilidade, dado que o terreo é bastante irregular e ten moita pendente.
Nas conversas mantidas cos veciños, están dispostos a manter contactos cos propietarios do primeiro dos muíños, que é o que está en mellor estado (de feito, habería que cambiarlle só o tellado e outras reparacións menores) para recuperalo e poñelo a funcionar. Desta iniciativa encargaríase a asociación de veciños en colaboraicón cos propietarios, e o Concello só daría aopio material, no caso de ser necesario.
Os traballos de roza iniciáronse esta semana, e poderán rematar nun prazo aproximado de sete días. A continuación, faranse os outros proxectos incluídos nesta primeira fase.
Neste mesmo ámbito atópase o Castro das Croas, que se prevé escavar o vindeiro ano, pero nesta última parte de 2013 iniciaranse os traballos de corta de árbores e desbroce para facilitar aquela escavación, que ten un orzamento duns 28.000 euros.
A Concellaría de Patrimonio Histórico xunto aos veciños e comuneiros xa están a traballar na posta en marcha dun programa de dinamización social de todo este conxunto, para dar a coñecer tanto aos escolares como aos pontevedreses en xeral, a importancia deste conxunto arqueolóxico e da ruta dos muíños, que se poderá pór en marcha de cara ao vindeiro ano.
O Proxecto de valorización do espazo etnográfico e arqueolóxico dVal de Tomeza e Salcedo é a estrela dos proxectos de actuación previstos pola Concellaría de Patrimonio Histórico, que xestiona Luís Bará, a través do Plan do patrimonio do rural, protagonista político no actual mandato.
O obxectivo non é pór en valor un roteiro, senón que se trata dun espazo por descubrir  cun conxunto de bens cun elevado valor ecolóxico, etnográfico, histórico e arqueolóxico.
O proxecto conta cun orzamento de 166.743 euros, que unha parte pretenden ser financiados a través dunha axuda económica dos fondos europeos Leader. Está previsto desenvolvelo en catro fases. A primeira é a que comezou esta semana; a segunda é a escavación do Castro das Croas, e a terceira e cuarta están relacionadas coas novas tecnoloxías, e a colocación de sinalectica informativa en todos os puntos do proxecto.
A Concellaría de Patrimonio Histórico traballa neste proxecto en colaboración coa comunidade veciñal de Salcedo e á Asociación de veciños Héroes do Campo da Porta, a quen agradece publicamente todo o apoio e axuda para sacar adiante este proxecto; agradecemento que fixo extensivo ao colectivo Vaipolorío.