O Concello envía a Costas o PXOU do 89 para ser informado pola nova lei

60

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá enviar o Plan Xeral de Ordenación Urbana de Pontevedra ao Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente para que se sexa informado en base a nova Lei de Costas e determine as afectacións que puidera ter en base a ese novo texto legal.
O concelleiro de Ordenación do Territorio, César Mosquera presentou esta mañá esta aprobación e explicou que o Plan débese remitir antes do 31 de agosto, e o Ministerio ten até ano e medio para contestar. De non facelo en prazo, entenderase que o informe é favorable.
César Mosquera explicou que “non é fácil de saber que vai dicir Costas neste informe”, pero non descarta que zonas urbanas de Pontevedra que até o de agora non estaban afectadas por Costas, podan estalo a raíz de esta nova revisión retroactiva que esixe a lei.
De feito, a Xunta de Goberno tamén aprobou solicitar do Defensor del Pueblo e do Parlamento Galego que interpoñan recurso de inconstitucionalidade contra a nova Lei de Costas, ao igual que á Federación Galega de Municipios e Provincias, ou no seu caso, á Federación Española de Municipios y Provincias, por afectar a todos os concellos costeiros do Estado.
Segundo o informe xurídico do Concello, a Lei de Costas infrinxe o principio de irretroactividade, seguridade xurídica, legadidade xerarquía normativa e igualdade, ademais de invasión de competencias autonómicas exclusivas, e locais en materia de ordenación do territorio e ordenación do litoral.
Tamén estima o informe que podería ser inconstitucional dado o amplísimo prazo de prórroga pautado, unido á posibilidade de transmitir inter-vivos, e ao réxime de obras de consolidación e mellora que agora se admiten, que configuraría “un réxime xurídico equiparable a un título de propiedade”, e non ten en conta o carácter demanial imprescriptible e inalienable da zona marítimo-terrestre, como recolle a Constitución.
A maiores, o informe recolle que admite “de facto” unha privatización do dominio para industrias contaminantes que no caso de Ence-Elnosa “vaino a habilitar para estar 135 anos na ría, o que supera con creces a idade máxima de vida dun ser humano e o que constitúe unha grande fraude ao carácter demanial do espazo marítimo-terrestre que ocupa o complexo industrial.