O Concello de Pontevedra iniciou esta semana traballos de mantemento no Roteiro natural e cultural de Ponte Sampaio, creado no ano 2008, e que pon en valor todo o patrimonio etnográfico da parroquia, especialmente rico en distintos elementos propios da arquitectura popular galega. Aproveitando estes traballos para deixar o sendeiro totalmente operativo de cara ao verán, o concelleiro delegado da parroquia, Demetrio Gómez acordou habilitar unha nova ruta que acorta as dúas propostas actuais até os 11,06 quilómetros.
Os traballos comezaron coa roza de certos espazos do sendeiro que de difícil tránsito, que estaban invadidos pola maleza debido ás condicións meteorolóxicas do inverno e da primavera que favoreceron o crecemento das das distintas especies.
Tamén está previsto a sinalización do sendeiro máis curto (11,06 km) con sinais indicativas de dirección en madeira, e tamén marcado en pedra con pintura.
Un dos traballos que se está a realizar na actualidade é a limpeza da canal do Paredón, un acueducto artesán de conducción de augas que servía para regar as fincas próximas. Trátase duna construcción moi chamativa dado que se atopa a dous metros de alto, dado que os pozos naturais nacen a 300 metros máis arriba, no monte.
Pero o Roteiro de Ponte Sampaio permite coñecer outras marabillas do patrimonio etnográfico do concello como os muíños de Acevedo, que permiten contemplar o uso que en Galicia se fixeron destes elementos arquitectónicos. Un, o máis espectacular, está totalmente recuperado e é coñecido como o muíño do cubo por ter sobre o tellado un cubo de pedra no que cae a auga e fai andar o muíño. Ademais, nesta paraxe hai outros catro muíños máis seguindo o curso do río do lugar.
O roteiro de Ponte Sampaio nace e morre na súa ponte medieval, e presenta outros atractivos como o cruceiro do Vilar, a capela de San Xosé e o seu entorno, a Illa de Medal ou o canastro de Proumalla… son algúns dos 35 elementos arquitectónicos recuperados.
Tamén dispón de numerosos mirados con impresionantes vistas sobre a ría de Vigo e a ensenada de San Simón, así como unha parte máis fluvial ao seguir o curso do río Ulló. Precisamente, neste punto moitas das construccións arquitectónicas foran derruídas polas enchentes, e a recuperación do roteiro permitíu a súa total restauración.
Trátase dun roteiro circular cunha distancia total de 14,6 km. Xa no seu acondicionamento, ofrecíase a posibilidade de acortalo até os 12,35 km. E cos traballos que comezaron esta semana está previsto ofrecer unha terceira conexiónn (mantendo o trazado circular) que acurta o sendeiro a 11,06 km.
No roteiro pódese contemplar a Ponte de San Paio, o Camiño de Santiago, o Alto da Curuxeira, o Cruceiro da Ballota, a Igrexia de Santa María e Rectoral, a Illa de Medal, a Ponte do ferrocarril, a Illa do Castelo, o Río e Foz do Verdugo-Oitavén, as Illas Ervedosas, o Cruceiro do Souto, a Ponte Nova, o Río Ullo, a Marisma do Ulló, Muiños de Pozo Negro, o Monte do Castro, Calzada de Vilar, Muiños de Vilar, Ponte do Río, Cruceiro do Vilar, Cristo da Bica, Miradoiro das Cambariñas, Canastro de Proumalla, O Paredón, Pozos de Corneda, Chan das Cruces, Calzada de Acevedo, Pozos do Regueiro dos Muíños, Muíños de Acevedo, Praza do Souto, Cruz do Forniño, Pedra Forniña, Capela de San Xosé, Muiño e Pozo de Cartas, Porta Laxe, Carballeira de Cadillos e Pozo de Portovedro.
Inicio Novas