Máis de 670.000 euros para devolver a Santa Clara o seu protagonismo na cidade

73

A empresa Eiriña será a encargada de executar a restauración urbanística e ambiental da principal arteria do barrio de Santa Clara: a rúa Santa Clara, devolvéndolle a este espazo o seu protagonismo dentro das xoias históricas e patrimoniais da cidade.
Cun orzamento de 676.199,22 euros, a reforma da rúa Santa Clara permitirá pór en valor a contorna do convento e mellorará a calidade de vida dos residentes que padecen serios problemas na rede de servizos e transitan cada día por unha rúa que non cumple os mínimos estándares de accesibilidade. Con esta intervención, o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro cumpre co compromiso adquirido cos veciños do barrio.
A praza de José Martí, o tratamento en superficie de beirarrúas e calzada, e a intervención no ámbito do convento de Santa Clara, son elementos esenciais no proxecto. Pero unha das novidades coñecidas na mesa de contratación desta mañá, que pechou a adxudicación á empresa Eiriña, foi a proposta de acondicionamento da zona verde situada a carón do hipermercado –actualmente bastante abandonada-, que permitirá recuperar un espazo de encontro e lecer para os máis cativos (e para os non tan cativos) do barrio.
A empresa Eiriña aposta por recuperar un parque público eliminando especies invasoras e dándolle permeabilidade a esta zona de estar. Un parque infantil, unha fonte pública, bancos, iluminación e demais mobiliario urbano permitirán integrar unha zona até o de agora agochada ao público. Tamén se crearán sendas de conexión coa praza José Martí, e o resto de terreo terá un tratamento de xardinería.
No tocante ao parque infantil, propiamente dito, estará construído sobre un pavimento de caucho con peche e mobiliario propio destas áreas. Disporá dun xogo combinado de tubo, tobogáns, panel de xogos, pontes, plataformas, escaleiras, trepas e un banco plataforma, denominado “O bosque do oso”. Tamén disporá un carrusel para xogar de pe, un xogo de muelles simple, un xogo de muelles adaptado e dobre, un columpio vaivén, un set de tres setas, un elefante e un rinoceronte.
Cabe lembrar que o concurso de reforma da rúa Santa Clara partiu cun orzamento de licitación de máis de 702.000 euros ao que concurriron 17 empresas, o que amosaba a importancia dun proxecto destas características.
O proxecto abrangue unha área de moi preto de 3.000 metros cadrados ao longo dos 265 metros de lonxitude da rúa.
Significativo será o cambio de ancho das beirarrúas, que oscilarán entre o 1,80 e o 2,50 metros, cando na actualidade hai tramos que non superan o metro, e incumpren os estándares mínimos de accesibilidade. Estarán rematadas en lousa gris de gran formato. O carril de tráfico rodado terá un ancho de 3.30 metros e executarase en formigón semipulido. A plataforma quedará configurada ao mesmo nivel, con morróns nos puntos que sexa preciso.
Resérvanse 10 prazas de estacionamento en dúas bolsas de cinco prazas cada unha, nos extremos da rúa. Ambas estarán ao lado dereito (á inversa que agora) para coincidir co sentido da marcha.
Fronte ao Convento de Santa Clara recuperarase o adro tradicional cunha superficie de 800 metros cadrados en pedra. Eliminaranse as diferencias de cota actuais e un pretil servirá para separar o adro do carril de circulación.
Tanto a igrexa como un dos tramos da muralla existentes (preto do Estadio da Xuventude e do aparcamento do centro comercial) serán iluminados seguindo do Plan Director de Iluminación do Centro Histórico.
O proxecto tamén introduce cambios na praza de José Martí, co obxecto de abrila ao máximo, salvando as diferenzas de cota da rúa. A pequena escaleira dende a rúa de Padre Amoedo será ampliada ao máximo. Un escalón existente no outro extremo da praza (a carón da entrada ao aparcamento e a calella adoquinada), suprimido. Desaparecerán os actuais parterres, que resultan disfuncionais.
A superficie da praza será pavimentada en lousa de cuarcito raiada, un material moi similar ao existente no solo da igrexa de San Francisco. No centro da praza instalaranse dous bancos circulares, adornados cunha xardineira.

Ver documento PDF
Ver documento PDF
Ver documento PDF