Novo escape de gas de Ence

66

Un novo incidente alterou a mediodía do sábado o ambiente da cidade debido a un escape de algún gas indeterminado do complexo químico de Ence, extremo que recoñeceu só a instancias dos requerimentos da Policía Local e Bombeiros no intre de acodir á fábrica.

 

A concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva, insistiu hoxe en que a obriga do Concello a través de Bombeiros e a Policía Local é atender os requerimentos da xente, que chama a estes servizos buscando unha explicación ante o que está a acontecer, e na medida do posíbel protexerse ante os perigos.

 

Confirmou que se recibiron chamadas de San Brais, A Ruibal, Rosalía Castro, Blanco Amor e San Pedro de Alcántara, ante o que a empresa debería publicar "informes técnicos serios, asinados por persoal competente, xa que todas as industrias contaminantes funcionan ben, ate que a realidade demostra o contrario".

 

"Sempre —engadiu Da Silva— as industrias contaminantes din que todo vai ben; Chernobil era a central nuclear máis segura do mundo; Tafisa nunca provocaba a morte de peixes no Lérez, pero agora non está aí e xa non morren peixes. Ence di que cumpre a lei, pero a lei cando fai falta modifícase para plegala aos intereses de empresas poderosas coma esta, como fixeron coa Lei de Costas, modificada polo PP para permitir que Ence continúe onde está".

 

O incidente do sábado aconteceu sobre a 1,30 da tarde, cando os Bombeiros reciben unha primeira chamada dunha veciña de San Brais, que alerta dun forte cheiro acompañado dun nubeiro branco que pode divisarse desde diversos puntos da cidade. Ante  as características da chamada, os Bombeiros dirixíronxe a Celulosas, recoñecendo, por parte de persoal da fábrica, ter unha avería. Esta primeira chamada foi seguida doutras tres da zona de A Ruibal (Salcedo) e Rosalía Castro, tanto no propio parque de bombeiros como no 092.

 

Como consecuencia da alerta, unha patrulla da Policía Local personouse na fábrica coa finalidade de requerir información sobre o acontecido e de ofrecer os servizos públicos municipais, por se fosen necesarios para facer frente a calquera incidente. A resposta da empresa foi que se trataba dun fallo eléctrico na caldeira de queima da biomasa, que provocou semellante saída de fume, aínda que minimizan o suceso e declinan a intervención dos bombeiros, polo que de non cesar a actividade da fábrica asumen a responsabilidade do que puidese acontecer.

 

A especial alteración do aire da cidade detectada o sábado revela unha vez máis a inaxeitada ubicación dunha factoría química xeneradora de continuos incidentes que supoñen unha ameaza para a saúde da cidadanía.