Completadas as plazas dos tres penúltimos cursos de Pisando forte

40

A Concellaría de Xuventude retoma, logo dos meses do verán, o programa de formación xuvenil Pisando forte, que encara a recta final. Esta mañá abriu as inscricións dos tres penultimos cursos: Manipulador de alimentos, carretillas elevadoras e lingua de signos. En só un par de horas estaban todas as prazas cubertas e con lista de agarda.
A Concellaría que dirixe Demetrio Gómez agradece a confianza dos mozos nestes cursos de formación, e lembra que de quedar algunha vacante nalgún dos cursos tiraríase da lista de agarda.
O curso de manipulador de alimentos ofrecía 20 prazas e hai 9 persoas en lista de agarda. Pisando forte ofreceu catro cursos en distintos meses do ano para formar aos mozos sobre a normativa para a obtención do carné de manipulador/a de alimentos. Este curso prepara a profesionais que requiran manipular produtos alimenticios para levar a cabo o seu traballo con total seguridade e garantías legais.
Este último curso de manipulador impartirase o vindeiro 24 de setembro, en horario de 17 a 20 horas na Casazul.
O curso de carretillas elevadoras ofrecía 12 prazas e hai 12 persoas en lista de agarda. Ten por obxecto acreditar para exercer como operador/a de carretillas elevadoras cumprindo coa normativa legal da Lei de Prevención de Riscos Laborais. Impartirase os vindeiros 16, 17 e 18 de setembro nas instalacións de Forga.
O último dos cursos que abría hoxe a súa inscrición é o de lingua de signos que ofertaba 15 prazas e hai 13 persoas en lista de agarda. Con este curso preténdese capacitar ao alumnado na comprensión e manexo da lingua de signos, mellorando así as posibilidades comunicativas. Impartirase do 30 de setembro ao 11 de outubro na Casazul en horario vespertino.
Pisando forte é unha aposta da Concellaría de Xuventude por ofrecer cursos de formación á xente nova para mellorar as súas condicións para o acceso ao emprego. Nesta edición, os cursos comezaron no mes de abril e rematarán en novembro, e están dirixidos a mozos de 16 a 35 anos empadroados ou residentes en Pontevedra que, ao remate, recibirán un diploma acreditativo da súa asistencia.
Pisando forte rematará co curso de facturación e control de almacén que introducirá aos alumnos na xestión e control do traballo diario dunha empresa ou comercio. O prazo de inscrición abrirase o 13 de setembro, e impartirase entre os meses de outubro e novembro.
As persoas interesadas en inscribirse neste curso poderán dirixirse á Oficina de Xuventude do Concello de Pontevedra (na data sinalada entre as 09.00 e as 14.00 horas), situada na Casazul, rúa Sor Lucía, 2.