EMPODERAMENTO/PARTICIPACIÓN SOCIAL

86

 

Participación significa compartir as decisións que afectan á vida das persoas e da Comunidade na que viven. Trátase dun dereito fundamental da cidadanía. Desde este punto de vista a participación de homes e mulleres en igualdade de condicións, en todos os ámbitos, é un requisito imprescindible para que se produza un auténtico desenvolvemento democrático na sociedade.

 

 

As mulleres ao longo da historia veñen de estar relegadas a un ámbito privado-doméstico no que a ausencia de relacións, e polo tanto de poder, contribuíron á formación dun proceso de invisibilización como colectivo. Para poder superar esta situación é necesario que as mulleres tomen conciencia da situación, da súa responsabilidade individual e social e da súa capacidade para intervir e orientar os cambios necesarios e tamén que participen de xeito activo no deseño e execución das políticas públicas a través da formulación eficaz das súas necesidades e das súas propostas de mellora da sociedade.

 

 

Neste contexto cobra especial interese falar do empoderamento das mulleres, o que significa a creación das condicións necesarias para a plena participación das mulleres na sociedade ou para o pleno exercicio dos seus dereitos. Cobra especial relevancia na loita pola equidade entre homes e mulleres en tanto é unha estratexia fundamental para xerar e consolidar procesos de emancipación, desenvolvemento e crecemento persoal e colectivo.

 

 

A través do empoderamento, conséguense tres tipos de poderes:

 

  1. Social: información, coñecementos, acceso ás redes sociais e a recursos financeiros

  2. Político: acceso aos procesos democráticos de toma de decisións que lles afectan

  3. Psicolóxico: toma de conciencia do poder que individual e colectivamente teñen as mulleres, acadado a través da autoestima persoal e da recuperación da dignidade como persoas.