O Servizo de mediación da Policía arranca con éxito a resolución de conflictos veciñais

84

O Servizo de Mediación entre particulares creado pola Concellaría de Protección Cidadá, a través da Policía Local, está a resultar todo un éxito. Até o de agora conseguiu resolver 15 dos 28 asuntos que chegaron ao servizo, é dicir, un 53,5% “unha porcentaxe superior á que se aspiraba conseguir na posta en marcha do servizo, que se estima un porcentaxe de éxito dun 20 ou 30%”, explicaba esta mañá a concelleira responsábel do departamento, Carme da Silva. Fixo balance do servizo, que se puxo en marcha o mes de maio (o día 12 atendeuse a primeira mediación), xunto ao intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle.
O Servizo de mediación pretende actuar antes da xudicialización dos asuntos ou atender a graves problemas de convivencia cun equipo integrado por un inspector, un oficial e cinco axentes que traballan cun elemento básico: a empatía, partindo de posturas maximalistas buscan que as partes enfrentadas se poñan en lugar do outro.
Até o de agora, o servizo atendeu 28 asuntos de diversa índole: dereitos de paso, problemas comunitarios, malas relacións de veciños, establecementos comerciais, danos… Dos cales, 15 se resolveron; en 3, unha das partes non aceptou a mediación; en dous casos fracasou a mediación e buscaron unha saída xudicial; en 4 asuntos a mediación non foi posíbel porque xa estaban abertos expedientes administrativos ou procesos xudiciais; e outros catro están en trámite con posibilidade de solución.
Carme da Silva destacou o traballo que se está a facer por parte deste equipo da Policía Local.