A Concellería de Turismo pecha o verán pontevedrés cun Festival da Luz nas prazas do Centro Histórico

66

Pontevedra celebrará, durante a última fin de semana do verán, o 125º aniversario da chegada da luz eléctrica. A concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, Carlota Román, presentou hoxe unha programación que bañará con luz de cor os edificios das prazas do Centro Histórico.
A celebración da efeméride chegará unha semana despois da Feira Franca e xusto antes da chegada do outono. Elixíronse as datas comprendidas entre o xoves, 12, e o sábado, 14, pensando tamén en contar coas mellores condicións de luz ambiental, dado que o Festival ofrecerase, durante estes tres días, en horario de 22.00 a 01.00 horas.
Carlota Román lembrou que a luz eléctrica chegou a Pontevedra no ano 1888. A cidade converteuse na segunda de España en contar con este adianto tecnolóxico. A concelleira lembrou que 125 anos despois, Pontevedra segue a ser referencia en iluminación pública, grazas á súa aposta polas novas tecnoloxías. Puxo como exemplos, as iluminacións da praza da Ferrería, a basílica de Santa María e o conxunto do edificio de Hacienda-San Francisco, onde se estrearon as tecnoloxías led. Lembrou que o Centro Histórico conta, ademais, cun Plan Director de Iluminación propio.
O Festival da Luz será unha oportunidade de gozar coa contemplación de singulares baños de cor, con tons cambiantes, postos ao servizo da beleza das prazas da Ferrería, do Teucro, Méndez Núñez, da Leña e da Verdura.
A concelleira destacou que, por razóns obvias, o epicentro estará na praza da Verdura, pois hai 125 anos, ruxía alí unha central eléctrica de carbón para levar o fluído aos farois. A actual Casa da Luz será obxecto dunha homenaxe histórica co acto inaugural do Festival o próximo xoves, en horario por confirmar. As súas fachadas darán soporte a un espectáculo de luz e son singular e innovador. Román dixo que cómpre gardar a sorpresa, pero anticipou que haberá efectos móbiles moi belos. Ao remate deste acto inaugural acenderanse simultaneamente os canóns que iluminarán as outras catro prazas.
O Festival da Luz recupera tamén o Cinema na rúa. A proposta é para a noite do venres, día 14, na praza da Verdura. Instalarase un vídeo-wall de 3×3 metros, composto por nove pantallas de plasma de máxima resolución. Reproducirase a película “Edison, o home”, do ano 1940, e protagonizada por Spencer Tracy.

CAMPAÑA EMOCIONAL

Por outra banda, Carlota Román anunciou a visita, este próximo martes, do blogueiro referente no sector do turismo español, Mario Schumacher. A concelleira lembrou que, durante todo o verán  desenvolvéronse actividades de promoción turística de Pontevedra baseadas en “showcookings”, con cociñeiros de referencia; visitas de blogueiros del sector; captación de cruceristas e, sobre todo, diversas campañas nas redes sociais que xa teñen convertido ao loro Ravachol nunha clara referencia de Pontevedra en Internet.
O último fito desta campaña será a visita a Pontevedra do organizador de eventos turísticos e experto en promoción a través da Rede, Mario Schumacher.
O experto ofrecerá unha conferencia-coloquio sobre a súa última publicación “Un Viaje a las Emociones” e sobre o impacto das redes sociais na promoción e difusión turística dos destinos. Unha oportunidade para aprender de un auténtico referente en esta materia, destacou Román.
Mario Schumacher vive en Calpe (Alacante) e está absolutamente relacionado con todo tipo de proxectos Online de promoción turística, especialmente na Costa Branca.